Luminance HDR actualízase e despois de dous anos de traballo sae a versión 2.6.0 con novidades, a parte da corrección de erros, a lista de todas as novidades pódese consultar nesta ligazón.

HDR Luminance é unha solución libre para traballar con imaxes de alto rango dinámico, termo tamén coñecido polas siglas HDR, do inglés “High Dynamic Range“.
O HDR son unhas técnicas de procesado de imaxe que permiten ter unha mellor luminosidade entre as zonas máis claras e máis escuras dunha imaxe, podendo ter así unha instantánea máis acorde ao que o ollo humano ve na realidade.

Estas técnicas empréganse habitualmente á hora de realizar o revelado dixital, despois de realizar a captura cunha cámara que capture imaxes en cru ou RAW para non perder información. Hai varias solucións de revelado dixital e de manipulación de imaxes que inclúen certas técnicas de HDR, mentres que HDR Luminance destaca por estar deseñado especificamente para traballar estas técnicas.

HDR Luminance está licenciado baixo GPLv2 e é multiplataforma, tendo versións para Windows, Mac OS X e GNU/Linux. Trátase dunha aplicación con unha interface gráfica sinxela de usar e que proporciona as ferramentas de traballo para o fluxo de traballo habitual con imaxes de alto rango dinámico. Ademais soporta os formatos de imaxe máis comúns entre afeccionados e profesionais da fotografía. Ten soporte para a localización, que ate o momento está traducida a 16 idiomas entre os que está o castelán.

Pin It on Pinterest

Share This