Lituania está preparando un novo portal de datos abertos, grazas ao cal as empresas, os cidadáns e as administracións públicas poderán acceder e contribuír a un repositorio de conxuntos de datos abertos.

A administración lituana elixiu a solución de código aberto CKAN para desenvolver o seu portal de datos aberto. Xa está en funcionamento unha versión beta do portal, que será plenamente funcional en xuño de 2020.

Portal de datos aberto de Lituania

No portal de datos aberto de Lituania participaron varias administracións do Goberno dese país. O portal foi desenvolto polo Comité de Desenvolvemento da Sociedade da Información en asociación co Organismo Nacional de Pagos, o Organismo Nacional de Educación, o Centro de Información Agrícola e Empresarial Rural o Servizo de Emprego e a Inspección Nacional do Traballo.

A actual versión beta do portal presenta datos abertos de cinco institucións do sector público e xa reúne 92 conxuntos de datos en formato lexible por máquinas.

Os usuarios de datos abertos do portal poderán atopar facilmente os conxuntos de datos adecuados, comentar as adicións ou revisións dos conxuntos de datos xa publicados, rexistrar a necesidade de novos conxuntos de datos abertos, compartir solucións innovadoras de aplicación e análise de datos, así como ter acceso a conxuntos de datos en tempo real e frecuentemente actualizados.

Ata o de agora, as áreas dos conxuntos de datos son:

Medio ambiente;
Economía e finanzas;
Enerxía;
Cultura;
Ciencia e Tecnoloxía;
Rexións e cidades;
Seguridade social;
Saúde;
Relacións internacionais;
Aplicación da lei;
Transportes e comunicacións;
Administración pública;
Educación; e
a actividade económica e os negocios.

Unha plataforma de código aberto

Co fin de desenvolver a infraestrutura da plataforma, o goberno lituano asinou un contrato coa empresa norueguesa de ATEA. A empresa utilizou CKAN, un sistema de xestión de documentos de código aberto para o desenvolvemento de centros de datos e portais de datos.

CKAN está construído con Python no backend e Javascript no frontend. Utiliza PostgreSQL para a súa base de datos e a súa función de procura está potenciada por SOLR. Ten unha arquitectura de software modular que permite desenvolver extensións para proporcionar características adicionais como a recolección ou a carga de datos. CKAN está dispoñible en GitHub baixo a licenza Affero GNU GPL v3.0.

O portal data.gov.lt está dispoñible baixo unha licencia CC BY 4.0, o que significa que os usuarios son libres de copiar e redistribuír o material en calquera medio ou formato e remezclar, transformar e construír sobre o material para calquera propósito, mesmo comercialmente.

Máis información na web de joinup

Pin It on Pinterest

Share This