A distribución de GNU/Linux comunitaria CentOS ven de facer pública a liberación da versión compatible coa última versión estable de Red Hat Enterprise Linux, a RHEL 8, que en CentOS tamén seguen a mesma numeración.
Conxuntamente co anuncio desta nova versión estable tamén quixeron anunciar o proxecto CentOS Streams.

CentOS Streams

CentOS Streams trátase dunha distribución para usuarios avanzados de GNU/Linux cun modelo de lanzamento “rolling release“, esta versión pode estar ben para ter unha distribución baseada en Red Hat co software máis á última  e que estea a medio camiño entre Fedora e Red Hat Enterprise Linux, servirá así de versión beta aberta a toda aquela persoa que se anime a instalala e axudar a pulir as últimas novidades de cara a ter tanto unha nova CentOS coma unha nova RHEL.

Para máis información sobre CentOS Streams convén ler o artigo do lanzamento na wiki de CentOS.

Novidades de CentOS 8

A CentOS 8 conta con diversas características renovadas fronte á súa predecesora, entre as que destacamos as seguintes:

  • Un kernel máis moderno (Linux 4.18)
  • Soporte de “Secure Boot”
  • Wayland como servidor gráfico predeterminado
  • Xestor de paquetes dnf en lugar de yum
  • Arquitectura soportadas: 64 bits Intel/AMD, 64 bits ARM e IBM Power PC
  • Versión 3 de Python por defecto

En xeral as novas características de CentOS 8, son tamén as novidades introducidas na versión 8 de Red Hat Enterprise Linux 8 e que foron anunciadas no seu lanzamento.

Para máis detalle sobre CentOS 8 pódese consultar a nota da versión nesta ligazón.

Proxecto CentOS

CentOS é a abreviatura de Community Enterprise Operating System, trátase dunha distribución que como o seu nome indica é comunitaria e ten o seu enfoque en entornos empresariais, polo que conta con versións estables nos seus lanzamentos así como un período longo de soporte dos mesmos.

Aínda que CentOS é independente, en realidade forma parte da comunidade da empresa Red Hat dende o ano 2014, a nivel técnico os desenvolvedores parten do código de RHEL para fornecer unha distribución libre e de balde que se pode utilizar en entornos de produción sen subscrición sendo compatible a nivel binario con Red Hat Enterprise Linux.

O uso de CentOS é maioritariamente en casos nos que se necesite unha distribución estable e robusta e que non se necesite soporte directo por parte dunha empresa, xa que para estes casos o máis óptimo sería empregar Red Hat Enterprise Linux. É por isto polo que a maior parte do uso de CentOS está no mundo dos servidores GNU/Linux nos que o soporte por parte da comunidade sexa suficiente.

Pin It on Pinterest

Share This