• Onte celebrouse na sede da AMTEGA o acto de concesión da V edición do Premio ao mellor PFC Software Libre.
  • O gañador foi José Millán Soto polo proxecto “Soporte de Accesibilidade nas Aplicacións KDE”
  • A Asociación Cultural Proxecto Trasno outorgou a “Mención especial á promoción da lingua galega nas TIC” a Leandro Regueiro Iglesias.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) concedeu a José Millán Soto da Universidade da Coruña o Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con Software Libre polo seu proxecto “Soporte de Accesibilidade nas Aplicacións KDE“, proxecto que tiña por obxectivo dotar ao contorno de KDE das capacidades básicas de accesibilidade das que carecía, empregando como referencia os aplicativos Dolphin (xestor de ficheiros), Kmail (xestor de correo) e Kopete (xestor de mensaxería instantánea). Desta forma sería posible que fosen empregadas por persoas con algún tipo de diversidade funcional que lles impide ou dificulta o uso de ferramentas informáticas (discapacidades visuais, auditivas, etc.) Como consecuencia deste desenvolvemento existe un importante pulo ao redor da accesibilidade en KDE. Este recoñecemento ten unha dotación económica de 1.000 euros patrocinada este ano pola empresa Igalia.

Ademais, a Asociación Cultural Trasno, colaboradora da iniciativa, outorgou a “Mención especial á promoción da lingua galega nas TIC”, dotada con 800 euros, a Leandro Regueiro Iglesias da Universidade da Coruña polo proxecto “Terminator: aplicativo para a discusión colaborativa de terminoloxía utilizando tecnoloxías Web 2.0 e a infraestrutura de desenvolvemento web Django”. Aplicativo web para a creación colaborativa de terminoloxías e glosarios multilingües que permitan realizar consultas de forma rápida e sinxela, exportar ao formato estándar para o intercambio de terminoloxía TBX (TermBase eXchange), … Este proxecto pretende cubrir unha das necesidades específicas da comunidade galega de tradutores de software libre pero con utilidade segura para outras comunidades e idiomas. Actualmente o desenvolvedor está en contacto coa comunidade do proxecto Translate toolkit & Pootle para incluír a súa ferramenta en dita comunidade.

O xurado, que tivo que deliberar logo de escoitar a presentación das cinco propostas de excepcional calidade técnica e gran potencial, estivo composto por Manuel Francisco González Penedo, Vicedecano de Relacións Institucionais da Facultade de Informática da Universidade da Coruña, Antonio Mosquera González, director da ETSE da Universidade de Santiago de Compostela, Xavier Castaño socio da empresa IGALIA e Miguel Bouzada, vicepresidente da Asociación Cultural Trasno e dous representantes da Amtega.

Con esta iniciativa a Xunta desexa continuar premiando a labor que están a realizar os universitarios galegos á vez que se pon en valor o traballo que realizan durante o seu Proxecto Fin de Carreira e todo elo promovendo o emprego e difusión do Software Libre como ferramenta de achegamento ao mundo laboral.

Esta iniciativa enmárcase no do Plan de Software Libre 2012 da Xunta para mellorar e potenciar os mecanismos de formación e difusión do software de fontes abertas entre a cidadanía galega.

Fonte: AMTEGA

Pin It on Pinterest

Share This