Un ano máis, dende Igalia anuncian unha nova edición do “Premio ao mellor Proxecto Fin de Carreira con Software Libre”. Como vén sendo habitual dende a primeira edición, as universidades galegas continúan a dar soporte á iniciativa, dado o gran interese desde o punto de vista educativo que ten o proxecto. O apoio da Xunta de Galicia a través dos servizos de Mancomún tamén se mantén este ano, o que confirma a aposta das institucións Galegas adicadas ao fomento da tecnoloxía.

Pero ademais para esta nova edición contan con novos colaboradores, salientando a
axuda recibida por parte do CENATIC, centro de referencia na difusión e apoio ao Software Libre a nivel estatal.

Dende Igalia consideran que o proxecto xa atinxiu un nivel de madureza importante, e xa pode considerarse como unha vía estable para o desenvolvemento dos proxectos dos estudantes, o nivel de aceptación da iniciativa entre o colectivo de profesores nas Universidades e Escolas Técnicas é o adecuado e a mellor forma de chegar aos alumnos é falar con eles directamente.
Aínda están por concretar as datas e lugares, pero a intención de Igalia para este ano é informar de forma presencial tanto aos profesores como aos alumnos, intentando explicar as motivacións que hai detrás do Software Libre e por que é beneficioso facer o PFC dentro deste marco tecnolóxico.

En canto se confirmen os actos de difusión e apoio que se están a planificar, publicarase a información a través da páxina do premio e da lista de correo (premio-pfc-swl@mancomun.org).

Fonte: Premio ao mellor PFC con software libre

Pin It on Pinterest

Share This