Como xa adiantaramos neste portal o pasado mes de maio impartíronse dous obradoiros de introdución á información xeográfica e ao proxecto OpenStreetMap en varios centros de ensinanza secundaria de Vigo, organizados pola Asociación GALPon e coa colaboración de Xeinquedos.

Os centros participantes foron o IES Alexandre Bóveda, o IES do Castro de Vigo, e o IES A Guía nos que un total de algo máis de 150 rapazas e rapaces puideron coñecer de primeira man as vantaxes do uso da información xeográfica, a importancia de que esta sexa libre, do mesmo xeito que o software, e como creala a través do proxecto OpenStreetMap, sobre o que se realizou un pequeno obradoiro.

Tralo remate de cada charla/obradoiro, fíxoselle ás rapazas e rapaces a encomenda de ir contribuíndo datos cartográficos para mellorar as zonas de influencia dos seus respectivos Institutos e daqueles lugares aos que se despracen. Deixóuselle a todas e todos un chisco de traballo, xa que se preparou un pequeno concurso, con algún agasallo, para que durante as próximas tres semanas conseguiran ser os que máis achegas fixeran a OSM no seu centro.

Despois de tres semanas membros de GALPon acudiron de novo aos centros de ensino, a fin de que as e os estudantes puidesen consultar calquera problema que tiveran durante o cartografado ou rexistro dos PoI, e facerlle entrega ás persoas gañadoras do seu agasallo e dun diploma conmemorativo.

Continuando a iniciativa da Asociación GHANDALF

Estes obradoiros dan continuidade á iniciativa iniciada hai xa varios anos pola a Asociación GHANDALF en colaboración co grupo Xeoinquedos, quenes veñen impartindo este mesmo tipo de obradoiros os últimos anos en diversos centros educativos da provincia da Coruña, dos que nos temos feito eco no seu momento.. Grazas á iniciativa de GALPon estes obradoiros esténdense agora tamén á provincia de Pontevedra aportando todo este coñecemento a un maior número de rapazas e rapaces galegos.

Os materiais empregados en todos estes obradoiros están dispoñibles no repositorio GIT de Xeoinquedos, xa que foron reutilizados e mellorados pouco a pouco en cada obradoiro, seguindo a filosofía de compartir o coñecemento e de reutilización do software libre e do coñecemento aberto.

Estes obradoiros forman parte das actividades que GALPon realiza no marco do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2017 da Xunta de Galicia.

Pin It on Pinterest

Share This