A Asociación Melisa, en colaboración co Museo da Terra de Melide e a Asociación Melidá, organiza o 3 de agosto de 10.00 a 17.30, o “II Roteiro de abeancos.gal” para poñer en valor o patrimonio cultural do Concello da Terra de Melide e dar a coñecer o proxecto abeancos.


No roteiro visitaranse varios elementos xa catalogados no proxecto e aproveitarán a ocasión para  amosar aos participantes como se fai esta labor de catalogación de varios elementos novos que atoparán durante a xornada, ademais de darlles a coñecer proxectos como OpenStreetMap e explicarlles conceptos sobre cartografado empregando ferramentas dixitais.

Elementos patrimoniais que se visitarán

Muíño do Estreito
As pontellas de arriba
Nacemento do Furelos
Cruceiro de Brañas
Iglesia de Brañas
Castro da Armada
Pasais das Barxas
Fonte das Barxas
Muíño das Barxas


Proxecto abeancos

abeancos.gal é un catálogo dixital aberto de elementos patrimoniais presentes na área da Comarca Terra de Melide. Todos eles, documentados, clasificados e xeolocalizados con mapas libres (grazas a OpenStreetMap).


É un proxecto libre. A súa base tecnolóxica, e os seus compoñentes: mapas, imaxes, documentos, xestor de contidos, etc. están publicados baixo licenzas libres Creative Commons BY-SA.
Trátase dun catálogo dixital aberto. O acceso aos datos en distintos formatos é libre, e gratuíto.


Acceso aos datos

Un dos obxectivos do proxecto «abeancos.gal» é a publicación da maior cantidade de datos empregando formatos estruturados, evitando na medida do posible os formatos privativos, e que se poidan manexar de xeito automatizado por diferentes ferramentas informáticas.
Cando se publican os datos de xeito estruturado e enriquecido, o que estamos a facilitar é a súa reutilización e incorporación a outras aplicacións para o seu posterior manexo. O uso de formatos abertos, e estándares recoñecidos, permite que estes datos sexan tratados desde diferentes ferramentas sen necesidade de ter que adquirir licenzas de uso.


Desde este apartado da web de abeancos, podedes descargar o contido do catálogo en diferentes formatos:
– Documentos estáticos
CSV
TXT
– Documentos dinámicos
Servizo RESTful, Endpoint : https://www.abeancos.gal/api/v1/elementos.json
XML
– Imaxes
JPG

Logo da Asociación Melisa

Inscrición

O roteiro é gratuíto, de dificultade pequena no que poden participar adultos e nenos a partir de 7 anos (acompañados dun adulto), pero é necesaria a inscrición previa enviando un correo a:
info@melisa.gal

Pin It on Pinterest

Share This