Igalia ofrece prácticas na empresa para o verán do 2012

Mércores, 16 Maio 2012
Logotipo de IgaliaIgalia, empresa galega de Software Libre, infórmanos que por undécimo ano consecutivo ofrece a posibilidade de realizar prácticas na empresa durante os meses do verán, nas súas instalacións de A Coruña ou Pontevedra.

A realización destas prácticas en empresa está aberta a todos aqueles estudantes de Enxeñería Informática ou Enxeñería Técnica en Informática que teñan máis do 50% dos créditos superados.

O período de prácticas realizarase durante os meses de xullo, agosto e setembro, nalgunha das oficinas da empresa, cunha planificación flexible de 5-8 horas diarias ata un total de 350 horas, distribuídas en 325 horas traballando nun proxecto de Software Libre e 25 horas para redactar a memoria. Como contraprestación, Igalia ofrece ademais unha axuda económica de 1.600€.
Dende Igalia informan que son varios os motivos polos que dende a orixe da empresa ano tras ano ofrecen prácticas en empresa aos estudantes:

  • A maioría do persoal de Igalia fixo prácticas en empresa cando eran estudantes.
  • Consideran que é unha boa forma de devolverlle algo á Universidade da que veñen.
  • Tamén é unha boa maneira de contratar xente. Case o 50% das persoas que fixeron prácticas con eles no pasado forman parte da empresa na actualidade.

Estas prácticas forman parte do programa de responsabilidade social da empresa no que inclúen tamén a doazón do 0,7% da facturación a organizacións non gubernamentais, patrocinio de actividades de Asociacións de usuarios de Sofware Libre, apoio a organizacións sociais ou de desenvolvemento como GNOME, Linux Foundation, AGASOL, …

Para todos aqueles que aínda non coñezan Igalia, trátase dunha empresa galega, con recoñecemento internacional, especializada no desenvolvemento de proxectos e solucións innovadoras en tecnoloxías de escritorio, móbil e web, que o ano pasado celebrou o seu décimo aniversario, o que pode considerarse como exemplo e proba de que o modelo de negocio con Software Libre é unha fórmula de éxito na facturación, pero tamén na integración coa comunidade á que Igalia adica importantes esforzos.

Logo da empresa Great Place to WorkCasualmente, tamén o pasado ano, Igalia foi recoñecida como a segunda mellor peme española na que traballar pola empresa Great Place to Work empresa global de investigación, asesoría e capacitación que axuda ás organizacións a identificar, crear e manter excelentes lugares de traballo a través do desenvolvemento de culturas de lugares de traballo confiables.

Portada da versión web do informe i20Ademais Igalia foi un dos 20 casos de éxito de empresas galegas innovadoras que a Xunta de Galicia incluíu no seu informe “i.20 Innovación Empresarial en Galicia. 20 Casos de Éxito”.

Así que se es estudante de Enxeñería Informática ou Enxeñería Técnica en Informática, es un apaixoado do Software Libre, e queres coñecer de preto como se traballa nunha empresa de Software Libre, podes optar ás prácticas de verán en Igalia dende hoxe ata o 30 de maio cubrindo o formulario de solicitude habilitado na súa web.

Balance do Plan de Acción 2023

1 Decembro 2021 Informe

Plan de Software Libre 2024

1 Decembro 2021 Informe

#IA #PlanDeAccion #EntrevistasComunidade

Tendencias
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal