A Facultade de Informática da UDC acollerá a partir do 6 de marzo o I Congreso María Pita DefCon, que reunirá ao máis selecto do panorama da seguridade informática, coa asistencia estimada de máis de 500 interesados. Ademais o congreso conta cun marcado compromiso coa visibilidade e integración da muller no ámbito das TIC, como así o reflicten na propia descrición do congreso, un “evento sobre seguridade informática e visibilización da muller no ámbito da ciberseguridade”

Dende o día 9 de xaneiro está aberto o prazo para converterse en abandeirado, como chaman aos posibles poñentes. É posible remitir propostas de presentacións, obradoiros, mesas redondas, concursos sobre seguridade e/ou visibilización da muller nas TIC. Así mesmo está tamén aberto o prazo para a inscrición como voluntarios ou como colaboradores do evento.

Dende a organización agardan que sexa o evento máis importante a nivel galego sobre seguridade informática no que se citarán os mellores expoñentes do mundo da seguridade TIC tanto a nivel local como nacional. O obxectivo é que durante a semana de celebración deste congreso, os asistentes poidan coñecer os principais avances tecnolóxicos en materia de seguridade informática nos mais diversos ámbitos de aplicación.

A organización do evento tamén está a traballar para facer fincapé na seguridade da información e o rol que xoga o Software Libre neste aspecto. Así mesmo, Alejo Pacín, membro organizador da María Pita DefCon e antigo membro da directiva do GPUL, afirma que “tamén nos poñemos en contacto con entidades recoñecidas do mundo do Software Libre como poden ser GPUL ou Igalia para tratar de potencialo sendo o feedback positivo” mais, en xeral dependerá esencialmente “tanto dos poñentes que presenten papers ao respecto, como de que os colaboradores do evento organicen eventos relacionados durante a celebración del evento coma concursos, mesas redondas, etc”.

Dentro de todas as posibilidades, tamén é moi probable que algún dos obradoiros se realice exclusivamente con ferramentas Software ou Hardware Libre.

A iniciativa conta actualmente co apoio da Facultade de Informática da Universidade da Coruña e o Colexio Profesional de Enxeñeiros Informáticos de Galicia (CPEIG), así como de múltiples entidades (públicas e privadas) do mundo TIC. Máis aló, analizando ao detalle os nomes propios que hai trala organización, pódese facer una máis que interesante lista de personaxes vinculados ao hacking e a seguridade informática como son David Albela (Coincelt), Uxío Fuentefría Oróns e Alejo Pacín Jul (Social Web Vippter), Juan José González Cid (INSS), Raúl Oróns, Jesús Pérez Rubio, Raúl Fernando Rodríguez Rubio (Universidade de Vigo), Daniel Somoza, Fernando Suárez Lorenzo (Amtega), José Manuel Vázquez Naya (Universidade da Coruña) e María Pilar Vila Avendaño (Forensic & Security).

Dende a organización buscan a colaboración doutras entidades ou empresas a fin de contribuír ao obxectivo de converterse nun evento de referencia no eido da seguridade informática. Existen unha ampla variedade de paquetes de colaborador e mesmo están abertos a escoitar propostas se ningunha das opcións previstas encaixan. Toda a información está dispoñible na sección de colaboradores na web do evento.

Así mesmo tamén está aberto o prazo para anotarse como voluntario para axudar durante a celebración do congreso.

A cita transcorrerá entre os días 6 e o 12 de marzo deste ano. A convocatoria para presentacións está aberta dende o día 6 de xaneiro de este ano.

Pin It on Pinterest

Share This