O martes 30 de novembro, de 18:30 ata as 20:00, terá lugar na Facultade de Informática de A Coruña (no Lab 0.3w), un obradoiro de introdución a LaTeX organizado por GPUL.

LaTeX
O mundo da tecnoloxía está poboado por moitas e diferentes linguaxes: funcionais, imperativas, compiladas, interpretadas, lóxicas, de consulta… Mais un eido resiste aínda e sempre ás eternas batallas entre paradigmas e sintaxes: a programación de documentos. A vida non é doada para as guarnicións de estudantes que se empeñan e seguir usando procesadores de texto WYSIWYG (LibreOffice, Google Docs, Microsoft Word…). Neste obradoiro, poderás pasar a formar parte da aldea gala de LaTeX.

LaTeX é un sistema de composición de textos, orientado á creación de documentos escritos que presenten unha alta calidade tipográfica. Polas súas características e posibilidades, é usado de forma especialmente intensa na xeración de artigos e libros científicos que inclúen, entre outros elementos, expresións matemáticas.
