A asociación GPUL (Grupo de Programadores e Usuarios de Linux) continúa cos GPUL Labs, serie de actividades sobre tecnoloxías libres.

Nesta nova sesión, profundarase no control avanzado de versións con Git, o xoves 12 de setembro na Facultade de Informática no Campus de Elviña, en horario de 19.00 a 20.30 horas.


No desenvolvemento dun proxecto é crucial manter un control sobre os cambios realizados.

Git é a ferramenta de control de versións máis empregada pola súa simplicidade nas tarefas máis comúns de desenvolvemento, conta cun gran soporte da comunidade de código aberto, así como a capacidade de realizar tarefas complexas.

Nesta charla tocarán conceptos máis avanzados como o uso de branches, merges, resolución de conflitos, fluxos habituais de traballo e outras utilidades moi interesantes pero menos coñecidas desta ferramenta.

Nunha sesión previa dos GPUL Labs, introducíranse os conceptos básicos de Git, nunha charla sobre esta indispensable ferramenta así como da plataforma de forxa GitLab.

GPUL Labs

Os GPUL Labs son unha iniciativa da asociación GPUL de ter unha serie de actividades como charlas, obradoiros, sesións de hacking… todas elas sobre tecnoloxías libres onde aprender sobre as últimas tendencias da comunidade libre e tamén sobre as tecnoloxías máis maduras pero que seguen a ser punteiras.


Celébranse dende o ano 2016 en varias localizacións da cidade da Coruña cunha duración e frecuencia dependente da edición en cuestión, as actividades teñen o enfoque posto en profesionais do mundo das TIC, estudantes de informática… Os relatores proceden de diversas contornas como pode ser o sector empresarial ou o universitario, con diferentes traxectorias e campos.


Se queres coñecer un pouco máis sobre GPUL e as súas actividades, podes escoitar as entrevistas que fixemos para Mancomún Podcast no Coruña Hacks organizado por GPUL, Coruña Developers e Árticos.

#02-Mancomún Podcast: Coruña Hacks

Inscrición

A asistencia ao evento é libre e gratuíta, aínda que a organización agradece a inscrición no meetup do evento, onde tamén se pode atopar máis información sobre o mesmo.

Máis información

Pin It on Pinterest

Share This