GNOME chega a un acordo no problema das patentes que beneficiará a todo o software libre

Luns, 25 Maio 2020

No setembro pasado, Rothschild Patent Imaging presentaba unha demanda contra GNOME, pola suposta violación dunha patente no software do proxecto GNOME Shotwell. Tratábase dun caso máis do fenómeno coñecido como “trol de patentes”, isto quere dicir que unha empresa demanda a outras por violación de patentes dun xeito excesivamente agresivo ou oportunista e simplemente polo mero feito de posuír a patente en propiedade aínda que non se teña pensado explotar a mesma.

Neste caso a suposta violación de patentes era pola característica de compartir as imaxes a través da Wi-Fi implementada na aplicación de xestión e visualización de imaxes Shotwell, enmarcada no proxecto GNOME.

O proxecto GNOME ven de anunciar a resolución do conflito iniciado tras a demanda. Un dos detalles máis importante do acordo chegado entre as partes é que Rothchild Patent Imaging non volverá denunciar nin a GNOME nin a ninguén que implemente calquera funcionalidade das súas patentes sempre e cando o software desenvolvido sexa liberado por unha das licenzas recoñecidas pola Open Source Initiative.

Dito doutro xeito e de forma resumida: Rothchild Patent Imaging permitirá que se usen as súas patentes en proxectos libres.

Trátase así unha boa nova non só para GNOME, que poderá centrarse no desenvolvemento de software e deixar a un lado esta pugna legal, senón para todo o software libre, pois poderá aproveitar o traballo levado a cabo por GNOME para desfacerse desa carga legal por patentes.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal