Imaxe do Campus tencolóxico para rapazas da UGRA Oficina de Software Libre da Universidade de Granada organiza un ano máis o seu “Campus Tecnológico UGR para Chicas 2015” que se celebrará do 29 de xuño ao 10 de Xullo na Escola Técnica Superior de Enxeñerías Informática e de Telecomunicación da Universidade de Granada.

Dende GALPon, consideran que este campus é unha excelente oportunidade para animar ás rapazas a achegarse á tecnoloxía, perderlle o medo, contribuíndo así a loitar contra os moitos prexuízos dun eido no que a presenza feminina segue a ser aínda moi minoritaria. Así pois convoca unha bolsa económica de ata 1.000€ para que unha rapaza estudante galega poida asistir a este campus.
GALPon achegará á candidata seleccionada un importe máximo de 1 000 €, que poden dividirse en 500 € para hospedaxe e comida, 300 € para as viaxes e 200 € para outros gastos para que poida asistir a este campus organizado pola UGR.

As interesadas en participar nesta bolsa deberán cumprir os requisitos para acceder á mesma, cubrir os formularios de preinscrición no campus e remitir a solicitude da bolsa a GALPon seguindo as instrucións recollidas na páxina de GALPon, que resumimos a continuación.

Requisitos

As candidatas interesadas nesta bolsa deben cumprir os seguintes requisitos:

  • Ter entre 14 e 18 anos
  • Ser alumnas de 3º ou 4º da ESO, estudantes de BAC ou estudantes de Módulos profesionais, en centros de ensino galegos.

Procedemento de inscrición e candidatura

  1. Preinscribirse no Campus da UGR cubrindo os formularios en sereingeniera.ugr.es
  2. Enviar un correo/vídeo de presentación da candidatura, na que conte que é o que a motiva a asistir a este Campus e carta de recomendación da persoa responsable do centro ou docente de tecnoloxía a GALPon, antes do mércores 13 de maio .
  3. GALPon contará coa colaboración dun grupo de docentes de tecnoloxía para avaliar as cartas das candidatas e, unha vez obtida a verificación e aceptación da inscrición por parte da organización do Campus, comunicará o resultado á beneficiaria da bolsa o luns 25 de maio. Realizarase un primeiro adianto de 300€ para a reserva do medio de transporte oportuno, facéndose o pago do restante antes do 21 de xuño, unha vez recibida copia dos gastos de desprazamento, aloxamento, etc.
  4. Completar a inscrición no Campus, antes do 29 de maio.

Obrigas da bolseira

A rapaza beneficiaria desta bolsa comprometerase a:

  • Asistir a todas as aulas e actividades programadas dentro do Campus, sempre que non haxa forza maior.
  • Manter unha actitude positiva e proactiva en todas as actividades.
  • Concluído o Campus e xa de volta en Galicia, elaborará un artigo, baixo a forma literaria que considere oportuna, ou un vídeo-blog, no que exporá a experiencia vivida para que sirva de referencia a outras escolantes da súa idade e con inquedanzas semellantes. Este artigo ou vídeo deberá liberalo baixo unha licenza que permita a súa libre difusión e a súa reutilización (CC by-SA ou semellante).

Se a rapaza non dispón dun computador portátil de seu para levar a Granada e poder facer as prácticas, GALPon prestaralle un co Sistema Operativo Debian 8 (Jessie) instalado, e de ser procedente, tamén se lle prestará (segundo o que dende a organización do Campus nos indiquen) equipos RaspberryPi e Arduino.

GALPon ten contactos con familias, vinculadas coa organización do Campus, que poden acoller eses días á rapaza. Este punto tratarase individualmente co centro e coas familias.

Para calquera detalle sobre esta bolsa podedes escribir a presidente[en]galpon.org

Pin It on Pinterest

Share This