Se o mes pasado informabamos de que as nosas empresas de 10 ou máis asalariados situaban a Galicia no primeiro posto das Comunidades Autónomas no uso de software libre, hoxe son as nosas universidades as que volven situar Galicia nos postos máis altos do Ranking de Universidades en Software Libre (RUSL).

Mapa da clasificación das 10 primeiras universidades do RUSL

Por terceiro ano consecutivo, é a Universidade de Granada quen lidera este clasificación. As 3 universidades galegas mantéñense no top 10, ocupando a Universidade da Coruña o 4º posto, a Universidade de Santiago de Compostela o 6º posto e a Universidade de Vigo o 10º posto. Este bo posicionamento das noas universidades manteñen a Galicia na segunda comunidade autónoma neste ranking, por detrás só das Illas Canarias.

O Ranking de Universidades en Software Libre, é elaborado dende o ano 2012 polo Observatorio Tecnolóxico de PortalProgramas.com e ten por obxectivo medir o compromiso das universidades españolas co software libre. Na edición do RUSL 2014, analizáronse un total de 65 criterios, agrupados en 11 dimensións nun total de 76 universidades españolas, tanto públicas como privadas.
Un ano máis, os criterios tidos en conta para a elaboración do estudo foron revisados por un equipo de expertos, entre os que participou Rafael Rodríguez Gayoso, coordinador da OSL do CIXUG.

Ademais, este ano contaron coa participación de Ricard Faura i Homedes, xefe do Servizo de Sociedade do Coñecemento na Dirección Xeral de Telecomunicacións e Sociedade da Información da Generalitat de Catalunya, quen elaborou o prólogo desta edición.

As 11 dimensións que se analizan neste estudo á hora de confeccionar o ranking son, por orde de importancia e peso no Índice de Difusión do Software Libre:

  • Cultura en Software Libre
  • Produción
  • Docencia
  • Webmetría
  • Investigación
  • Institución
  • Tecnolóxicos
  • Administración
  • Divulgación
  • Axuda
  • Colaboración externa

Análise dos resultados das 3 universidades galegas: puntos fortes e febles de cada universidade

Este ranking amosa información sobre os puntos fortes e febles de cada universidade para que as propias universidades poidan coñecelos, mellorar neses aspectos e colaborar entre elas.

Posición das universidades galegas no RUSL por dimesión

Un dos puntos fortes das nosas tres universidades, son os criterios Tecnolóxicos que miden aspectos como se a universidade dispón dun campus virtual ou área virtual, se este campus virtual/área virtual foi desenvolvido usando software libre, ou se o servidor web principal e/ou o CMS do web da universidade son libres e se utiliza licenza de contidos libre.

No criterio de Cultura en Software Libre, o criterio de maior peso no índice, téñense en conta se a universidade ten Oficina de Software Libre, a súa antigüidade, o persoal que a conforma, e a súa actividade así como a existencia de normativas que prioricen o uso de Sistemas Operativos e aplicativos libres para os alumnos e para o Persoal de Administración e Servizos (PAS). As nosas universidades quedan ben situadas neste criterio, ocupando os postos 5,6 e 7 respectivamente a UDC, USC e Uvigo.

A continuación destacamos os puntos febles, onde deberían prestar máis atención as nosas universidades.

No caso da UDC aínda que acada boa posición en todos os indicadores, podemos mencionar que o peor posto o ten no criterio de Administración, no que se miden aspectos como o orzamento destinado ás TIC, o orzamento adicado ao desenvolvemento ou apoio ao software libre, o orzamento en bolsas e axudas para apoio ao software libre ou a porcentaxe do orzamento adicado a licenzas de software.

No caso da USC ademais do criterio de Administración igual que a UDC, tampouco acada boa posición nos criterio de Divulgación, que responde a aspectos como o número de eventos ou congresos de difusión de software libre que organizou ou participou. Aquí tamén se valora a organización dun premio local do Concurso Universitario de Software Libre. Cómpre mencionar que as nosas universidades non puntúan neste aspecto, aínda que organizan o Premio ao mellor proxecto de fin de carreira con licenza libre, que comparte os obxectivos de dito concurso.

Finalmente no caso da Uvigo ocupa postos bastante baixos nos criterios de Produción, Docencia e Investigación, que miden respectivamente aspectos como o número de alumnos inscritos no Concurso Universitario de Software Libre, no Google Summer of Code, o número de programas libres creados polos grupos de traballo da universidade, número de proxectos ou teses co fin de crear software libre, número de asociacións de software libre asociadas á unversidade,etc (criterio de produción); o número de programas de estudos especializados en software libre no presente curso académico, existencia dun equipo técnico que axude a usar e instalar software libre á comunidade universitaria, número de cursos de formación de Software Libre ao PAS, número de ponencias ou obradoiros de software libre ofrecidos pola universidade, etc (criterio de docencia) e número de proxectos de investigación sobre software libre, número de grupos que investigan sobre software libre, porcentaxe de investigacións que publican os resultados con licenza libre (criterio de investigación).

Destacar pois que aínda que os resultados son positivos, aínda queda camiño por percorrer. Así atendendo ao Índice de Difusión do Software Libre das nosas universidades, que é un valor que indica o esforzo de cada universidade por difundir o software libre, en relación á que máis o difunde, a UDC ten un 42.86, a USC un 20.37 e a Uvigo un 11.64.

Finalmente mencionar, que a Xunta de Galicia, a través da AMTEGA, mantén un ano máis o apoio á difusión do Software Libre no ámbito Universitario a través do Convenio de colaboración co CIXUG asinado recentemente no marco do Plan de Acción en materia de Software Libre 2014.

Pin It on Pinterest

Share This