Galicia acolle o I Encontro ibérico de tradutores de software libre a linguas minorizadas

Venres, 11 Xullo 2014
  • O 4 e 5 de outubro celebrarase en Santiago de Compostela o I Encontro ibérico de tradutores de Software Libre a linguas minorizadas organizado por Proxecto Trasno.
  • Durante dous días o CNTG acollerá a 5 grupos nacionais de tradución de software: Proxecto Trasno, Softaragonés, Softastur, Softcatalá e Librezale, que traballarán na busca de solucións e melloras á problemática existente para dispoñer de tecnoloxías nas súas linguas.
  • O encontro está aberto á participación de calquera outra persoa interesada na tradución de software, aberta a compartir a súa experiencia e coñecemento.

Banner do Encontro Ibérico de tradutores de software libre

Proxecto Trasno vén de anunciar que os vindeiros 4 e 5 de Outubro celebrarase o I Encontro ibérico de tradutores de Software Libre a linguas minorizadas.

Baixo o lema “Porque acceder á tecnoloxía no noso idioma é un dereito!” reuniranse por primeira vez todos os grupos de tradutores de Software Libre ás linguas minorizadas, ou en risco de desaparición, da península ibérica: Proxecto Trasno, Softaragonés, Softastur, Softcatalá e Librezale.

Galicia, da man da Asociación Proxecto Trasno, e coa colaboración da AMTEGA, exercerá de anfitrioa deste primeiro encontro con dous obxectivos principais:

  • Posta en común da problemática coa que se atopan na súa labor os grupos de tradución de Software Libre a linguas minorizadas.
  • Sentar as bases dunha relación de colaboración, a través da que se unan as forzas, se poñan en común recursos, que permitan mellorar o rendemento e a calidade dos traballos.

Call for papers

O programa do encontro está agora mesmo en fase de desenvolvemento, estando aberto ata as 12:00 horas do día 7 de setembro un “call for papers” para que todos os interesados en participar poidan enviar as súas propostas de mesas ou grupos de traballo.

As propostas deben remitirse á conta de correo da organización, sendo avaliadas polos coordinadores dos grupos promotores da actividade.

O encontro estase a organizar en torno a mesas sectoriais e grupos de traballo, nos que se pretende xuntar aos equipos «oficiais» de tradución dos produtos de Mozilla ,Firefox, FirefoxOS, Thunderbird; das suites ofimáticas LibreOffice e Apache Openoffice; dos contornos de escritorio, Gnome, Mate, Kde, LXDE; de distribucións de GNU/Linux, Debian, MiniNo, Ubuntu, Mint, Fedora; así como de outro proxectos ou aplicativos libres, ownCloud. OpenMediaVault, Android/Cianogenmod, etc.

Por suposto, o encontro está aberto á participación de calquera persoa interesada na tradución de software ou de produtos tecnolóxicos. Aquelas persoas que non estean integradas ou manteñan unha relación de colaboración cos equipos oficias de tradución serán benvidas a participar como convidadas nestes grupos de traballo.

Haberá tamén mesas especializadas en temáticas, problemáticas, recursos, etc de interese común para todos os proxectos, como terminoloxía e lingüística; creación, uso e publicación de memorias de tradución; Ferramentas Tac; etc

A organización do evento aclara tamén, que non se ben non se falará da problemática doutros idiomas da península ibérica como o español ou o portugués por non seren idiomas minorizados nin en risco de extinción, as persoas tradutoras destas linguas son ben recibidas nos grupos de traballo, xa que a súa experiencia será sempre enriquecedora.

Localización e inscrición

O encontro celebrarase nas instalacións do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia a fin de semana do 4 e 5 de outubro. O horario será de 11:00 a 20:00 horas do Sábado e de 10:00 a 13:30 do Doming.

A asistencia a este encontro é aberta e gratuíta, sendo preciso inscribirse previamente para facilitar a organización das mesas e espazos de traballo. Os interesados en asistir poden inscribirse a través do formulario de inscrición habilitado aos efectos.

Colaboración

O I Encontro ibérico de tradutores de software libre a linguas minorizadas forma parte das actividades que a asociacioń Trasno realiza ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2014 da Xunta de Galicia.

Balance do Plan de Acción 2023

1 Decembro 2021 Informe

Plan de Software Libre 2024

1 Decembro 2021 Informe

#IA #PlanDeAccion #EntrevistasComunidade

Tendencias
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal