Por primeira vez este ano, as tres universidades do Sistema Universitario Galego contan cunha única Oficina de Software Libre a través do CIXUG, o que permitirá coordinar de forma máis eficaz e efectiva as diversas actuacións de promoción do software libre no ámbito universitario que están recollidas no Plan de Acción de Software Libre 2012 da Xunta de Galicia.

Logotipo do CIXUG e as 3 Universidades do SUG

Se en semanas anteriores dabamos conta da colaboración do persoal desta oficina co Proxecto Trasno na tradución de software libre ao galego como Firefox e LibreOffice, desta volta facémonos eco do inicio das primeiras actuacións formativas das que a OSL ten previsto realizar neste último cuadrimestre do ano.

Así. a proposta do CIXUG e concretamente a través da OSL, a Universidade de Vigo anuncia a convocatoria de dous cursos de formación para PAS co obxectivo de fomentar a adquisición de competencias profesionais e facilitar a migración dos servizos universitarios ao ecosistema do software libre. Concretamente ofrécense dous cursos, que serán impartidos polos técnicos da OSL:

  • Curso de Writer, procesador avanzado de textos da suite LibreOffice, unha alternativa a Word
  • Curso Primeiros pasos coa distribución de GNU/LINUX da Universidade (UBUNTU)

Curso de Writer, procesador avanzado de textos da suite LibreOffice, unha alternativa a Word

O obxectivo deste curso é que os asistentes sexan quen de usar un procesador de textos de modo correcto, que aprendan a estruturar adecuadamente un documento, a usar estilos, a crear e reutilizar modelos coa ferramenta LibreOffice Writer. A duración do curso é de 10 h distribuídas en horario de 8:30 a 10:30.

A docencia correrá a cargo de Enrique Estévez, actual coordinador da Oficina de Software Libre do Sistema Universitario Galego, a través do CIXUG e de Antón Méixome, técnico da OSL na Universidade de Vigo.

O programa do curso é o seguinte:

  • A interface do Writer.

  • A estrutura dun documento.
  • Os estilos.
  • Índices e táboas.
  • Crear e usar modelos.
  • Extensións de corrección ortográfica.

O curso conta con 3 edicións, unha en cada un dos 3 campus da Uvigo: Ourense, Vigo e Pontevedra nas seguintes datas e lugares:

  • Ourense: do 1 ao 3 e do 8 a 9 de outubro na Aula de Informática da Bibliotecas do Campus de Ourense.
  • Vigo: do 26 ao 30 de novembro na Sala III do Edificio Miralles do Campus de Vigo
  • Pontevedra: do 10 ao 14 de decembro no Campus de Pontevedra en aula por concretar.

Hai un total de 15 prazas ofertadas, para cada unha das edicións, para o PAS incluído no cadro de persoal da Universidade de Vigo, tendo preferencia o destinado naquelas unidades, áreas ou postos que utilicen o computador no día a día. Os asistentes recibirán un certificado de asistencia á finalización do curso.

Os prazos de solicitude estarán abertos ata o:

  • 21 de setembro: Ourense
  • 16 de novembro: Vigo
  • 22 de novembro: Pontevedra

Máis información e detalles para a matriculación:

Curso Primeiros pasos coa distribución de GNU/LINUX da Universidade (UBUNTU)

Os asistentes adquirirán os coñecementos mínimos para realizar as mesmas tarefas que fan en Windows co sistema GNU/Linux da Universidade: navegar pola Internet, comprimir ficheiros, gravar CD, crear documentos. Ademais ensinaránselle unha serie de boas prácticas relacionadas coa informática.

O curso conta cunha duración de 10 horas e desenvolverase do 22 ao 26 de outubro en horario de 8:30 a 10:30 na aula Catia do Campus de Vigo.

A docencia correrá a cargo de Enrique Estévez, actual coordinador da Oficina de Software Libre do Sistema Universitario Galego, a través do CIXUG.

O programa do curso cubrirá a seguinte temática:

  • A interface gráfica e a súa configuración-personalización.
  • O navegador de ficheiros Nautilus
  • Operacións básicas con ficheiros
  • LibreOffice, Thunderbird e Firefox
  • Instalar e desinstalar programas
  • Boas prácticas, estándares

Hai un total de 20 prazas ofertadas para o PAS incluído no cadro de persoal da Universidade de Vigo, tendo preferencia o destinado naquelas unidades, áreas ou postos que utilicen o computador no día a día. Os asistentes recibirán un certificado de asistencia á finalización do curso.

O prazo de solicitude está aberto ata o vindeiro día 15 de outubro. Máis información e detalles para a matriculación:

Dende a OSL do CIXUG informan que se está xestionando a realización de cursos similares nas outras dúas universidades do SUG.

Estes cursos forman parte das actividades que a OSL do CIXUG realiza ao abeiro do Convenio de Colaboración asinado coa Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2012 da Xunta de Galicia a través da AMTEGA.

Pin It on Pinterest

Share This