O vindeiro venres 17 de outubro a partir das 16:00 horas terá lugar o acto de entrega da VII edición do Premio ao mellor Proxecto de Fin de Carreira con Software Libre que convoca a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) coa colaboración da Oficina de Software Libre do CIXUG. O acto celebrarase na Sala Eisenman da Cidade da Cultura.Imaxe do premio

O pasado 30 de setembro rematou o prazo de presentación de candidatos ao premio, cun récord histórico de participación.

Recibíronse un total de 15 inscricións, completando 14 candidatos todos os pasos requiridos para a participación. Cómpre destacar ademais da cantidade, a variedade de áreas e a calidade de todos eles, habendo por primeira vez dous proxectos que, ademais de desenvolvemento de software publicado con licenza libre, empregaron tamén hardware libre.

Con estes datos, podedes imaxinar que a tarefa do xurado para a elección dos finalistas non foi un traballo doado. Segundo se recollía nas bases, ademais da calidade técnica dos traballos, o xurado valorou especialmente o correcto licenciamento dos proxectos así como o uso de metodoloxía de traballo propia dos desenvolvementos en aberto.

Candidatos

Aínda que só pode haber un gañador do premio, todos os candidatos son merecedores de recoñecemento polo seu traballo e por telo desenvolvido empregando tecnoloxías libres e publicando o resultado final á súa vez con licenza libre, polo que a continuación recollemos unha breve descrición dos proxectos dos 14 candidatos participantes:

Como se pode apreciar, ademais da cantidade é reseñable a variedade de áreas temáticas, xa que ademais das habituais titulacións Informáticas, hai proxectos da Escola Técnica de Enxeñería Técnica Industrial da UDC, Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Minas de Vigo, Escola Universitaria Politécnica da UDC e da Facultade de Matemáticas da USC. E finalmente destacar que a calidade dos proxectos é moi boa, habendo varios que recibiron a cualificación de Matrícula de Honra polos seus respectivos tribunais.

Noraboa a todos eles, e agardamos que esta experiencia de ter traballado co software libre lles sirva no seu futuro laboral.

Finalistas

Os 5 finalistas seleccionados polo xurado son :

Estes 5 candidatos deberán realizar unha breve presentación ante o xurado o vindeiro venres sobre o traballo realizado no seu proxecto, facendo especial fincapé nos aspectos relacionados co Software Libre, dos logros acadados, das motivacións para publicalo con licenza libre, da experiencia nas comunidades, das perspectivas de futuro, etc.

Logo das 5 presentacións, o xurado deliberará para tomar a súa decisión final e nomear ao gañador do primeiro premio, dotado con 1.500 euros patrocinado polo CIXUG, e o merecedor do accésit de 750€ patrocinado por GPUL.

Xurado

O xurado está composto polas seguintes persoas:

  • Víctor Rodríguez Arós en representación da AMTEGA
  • Breogán Cinza Cabarcos en representación da AMTEGA
  • Luís María Hervella Nieto en representación da Universidade da Coruña
  • José Varela Pet en representación da Universidade de Santiago de Compostela
  • Francisco Javier Rodríguez Martínez en representación da Universidade de Vigo
  • Brais Arias Río en representación da Asociación Asociación de Programadores e Usuarios de Linux, GPUL

Sobre o Premio ao mellor Proxecto de Fin de Carreira con Software Libre

O obxectivo do premio é achegar aos universitarios galegos ao software libre, de xeito que poidan incrementar o seu coñecemento sobre este tipo de tecnoloxías e abrirlles as portas a novas posibilidades de emprego relacionado coas tecnoloxías da información e da comunicación.

Dada a orientación deste premio aos estudantes do Sistema Universitario Galego, a Amtega conta coa colaboración da Oficina de Software Libre do CIXUG e integra, ademais, a todos os axentes do ecosistema do software libre galego. Así, para a organización e difución do premio cóntase coa achega económica da asociación GPUL, coa colaboración da a Asociación Galega de Empresas de Software Libre, AGASOL, e das asociacións galegas de usuarios de Software Libre GALPon, Ghandalf, GPUL, Melisa e Trasno.

Pin It on Pinterest

Share This