- A Facultade de Informática da Universidade da Coruña acollerá a partir do 26 de xullo a conferencia GUADEC 2012 que reunirá a máis de 250 expertos en Software Libre de todo o mundo.
- A asociación galega GPUL en colaboración coa Universidade da Coruña, a empresa galega de software Igalia e a GNOME Foundation organizan o evento anual máis importante da comunidade GNOME
- Durante os 7 días do Congreso os asistentes darán a coñecer os principais avances da tecnoloxía GNOME en móbiles, dispositivos GPS ou libros electrónicos.
- Jacob Appelbaum (Proxecto Tor/Wikileaks) e Federico Mena (cofundador do proxecto GNOME) figuran entre os conferenciantes invitados ao evento.
A asociación GPUL e a GNOME Foundation, en colaboración coa Universidade da Coruña e a empresa galega especializada en software libre Igalia, organizarán na Coruña (Facultade de Informática, Campus de Elviña), desde o 26 de xullo ata o 1 de agosto de 2012 a 13ª GUADEC, o evento anual máis importante para o desenvolvemento do Proxecto de Software Libre GNOME.
O xoves 26 de xullo ás 10:00 horas terá lugar a inauguración da GUADEC 2012 no Salón de Actos (planta baixa) da Facultade de Informática da Coruña (Campus de Elviña), na que intervirán:
- Sr. D. Adrián Lence Paz, Director da Área de Infraestruturas e Telecomunicacións da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) da Xunta de Galicia.
- Sra. Dña. Karen Sandler, Directora Executiva da GNOME Foundation.
- Sr. D. Francisco J. Tsao, Presidente de GPUL- Grupo de Programadores e Usuarios de Linux.
- Sr. D. José María Casanova Crespo, Coordinador Xeral de GUADEC 2012.
- Sr. D. Alberto Valderruten Vidal, Decano de la Facultade de Informática.
Ás 10:30 horas celebrarase a Conferencia Inaugural, que correrá a cargo de Jacob Appelbaum, experto en seguridade en Internet e membro dos proxectos Wikileaks/TOR, que falará de privacidade e anonimato na Rede.
GUADEC reunirá a máis de 250 desenvolvedores e usuarios do proxecto, que presentarán os principais avances da tecnoloxía GNOME, e contará coa participación de relatores de relevancia internacional como Jacob Appelbaum, experto en privacidade e anonimato en Internet con quen se inaugura o congreso, Federico Mena Quintero, cofundador do proxecto GNOME, Adam Dingle e Jim Nelson (Yorba), Jonathan Blandford (Red Hat), Dave Mason (Mozilla) e Alex Skud Bayley.
Entre os temas máis relevantes dos que serán tratados no congreso podemos destacar:
- Innovacións tecnolóxicas e novas aplicacións en GNOME: shell, navegador web, reprodución multimedia, xestión de documentos, etc.
- Accesibilidade: GNOME como plataforma accesible para persoas con diferentes necesidades (visión, mobilidade, etc.).
- GNOME en dispositivos móbiles: tabletas e teléfonos.
- GNOME no ensino e na educación: Sugar e “One Laptop per Child”.
- Interacción en GNOME cos dispositivos do escritorio e móbiles (pantallas táctiles, interfaces xestuais, etc.).
- Localización e internacionalización do proxecto GNOME: dispoñibilidade en centos de linguas.
Pode consultarse o programa completo da conferencia no portal da GUADEC
Apoio institucional e patrocinadores
GUADEC 2012 conta coa colaboración da Universidade da Coruña e da Xunta de Galicia, así como co patrocinio de empresas e entidades tecnolóxicas como Google, Red Hat, Canonical, Collabora, Igalia, Openshine, Open Invention Network, Codethink e Mozilla.
Ademais, GUADEC tamén conta co apoio da Linux Foundation, GNOME Hispano e a asociación galega de Software Libre Ghandalf.
Importancia da tecnoloxía de GNOME
GNOME forma parte dos contornos de escritorio de varias das máis importantes distribucións de software para ordenadores persoais e servidores como Red Hat, Fedora, Debian, Ubuntu de Canonical, Novell OpenSUSE, Linux Mint, FreeBSD e Solaris de Oracle. GNOME está tamén presente en dispositivos tan populares coma Amazon Kindle e TiVo; tabletas e smartphones coma o Nokia N900; e dispositivos de navegación coma os GPS Garmin ou GPS TomTom.
Software Libre: unha elección ética
GNOME pertence ao conxunto de programas denominados software libre, unha alternativa ao software privativo pola que cada vez máis empresas e administracións están a apostar. Este tipo de software favorece a liberdade dos usuarios e ten no traballo en rede unha das súas bases de funcionamento.
O proxecto GNOME
O proxecto GNOME, iniciado no 1997 polos mexicanos Miguel de Icaza e Federico Mena, conta con centos de desenvolvedores e millóns de usuarios en todo o mundo. GNOME é un software de escritorio gráfico que busca achegar de forma sinxela a tecnoloxía a toda a xente, proporcionando un conxunto de ferramentas de xestión e uso común: contorno de escritorio baseado en ventás, navegador web, xestor de arquivos, folla de cálculo e procesador de textos, lector de correo, etc. GNOME, traballando sobre sistemas operativos coma GNU/Linux, BSD ou solaris, supón unha alternativa libre ás plataformas pechadas de Microsoft e Apple.
