Este venres 27 de setembro celébrase a 43 edición da LaconNetwork no restaurante do Acuario da Coruña.
A LaconNetwork é unha xuntanza-comida organizada o último venres de cada mes co obxectivo de xuntar o tecido TIC de Galicia baixo un paraugas informal pero moi estable, e desta volta chega da man da Asociación de empresas GAlegas de SOftware Libre baixo o lema: LaconNetwork e AGASOL ¿Algo especial?.
A LaconNetwork comezará ás 13:00 cunha presentación de AGASOL e os seus obxectivos que irá seguida dunha charla de Marcela Parga Fernandez, avogada coach en PARGA FERNANDEZ ASOCIADOS S.L. , vicepresidenta na Asociación de Empresarios de Sada e As Mariñas e experta en conciliación da vida laboral e persoal en Certificado EFR Empresa familiarmente Responsable.
Segundo conta AGASOL, a charla de Marcela Parga será amena e participativa cunha mensaxe a transmitir: utilizar a conciliación da vida laboral e persoal como unha ferramenta para mellorar o rendemento económico da empresa. O título da charla é "Empresa escríbese con E: Emprender, Equilibrio, Eficiencia"
AGASOL ten como finalidade fortalecer o tecido empresarial do software libre desenvolvendo proxectos que promoven as tecnoloxías de Software Libre non só como alternativa económica, senón por adaptabilidade e versatilidade dos produtos, e aplicacións de calidade. Esta promoción do software libre en AGASOL plásmase en catro eixes principais:
- a mellora da xestión
- a formación
- a internacionalización e colaboración internacional empresarial
- a aplicación a novos campos e sectores sociais
Agasol é a única asociación de empresas galegas que traballan para ofrecer produtos en Software Libre contando a día de hoxe con 27 asociados. O seu obxectivo é servir de interlocutor entre os profesionais e as empresas, para apoialas e asesoralas no uso de Software Libre e estándares abertos.
Para asistir á comida é preciso inscribirse no portal web da LaconNetwork.