Entregado o premio ao mellor proxecto universitario libre

Luns, 26 Outubro 2020

Pablo Costas Sánchez e Bruno Cabado Lousa resultaron os gañadores da presente edición.

Na tarde do pasado venres, 23 de outubro, e a través dunha reunión virtual tivo lugar o acto de resolución da XIII edición do Premio ao mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre convocado polo Consorcio CIXUG, e que conta coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).

Nun ano académico marcado polas circunstancias derivadas da pandemia sanitaria, a fase final do premio contou con 3 candidaturas que foron avaliadas polo xurado a través das súas diferentes presentacións, e nas que se tiveron en conta aspectos tales como o correcto licenciamento dos traballos, así como o uso dunha metodoloxía propia, e que caracteriza especialmente aos traballos en aberto.

Primeiro premio

O primeiro premio foi gañado por Pablo Costas Sánchez, estudante da Facultade de Informática da Universidade da Coruña que presentou o traballo fin de grao «Extensión dunha ferramenta de probas baseadas en propiedades para permitir o seu uso paralelo ou distribuído», no que se lle engade a execución paralela ou distribuída a PropEr, que é unha ferramenta de probas de software baseada en propiedades, e que está desenvolvida en Erlang. Este recoñecemento implica unha dotación económica de 1.500 euros, que son aportados polo CIXUG ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa AMTEGA.

Segundo premio

Ademais, entregouse un segundo premio a Bruno Cabado Lousa, tamén estudante da Facultade de Informática da Universidade da Coruña, polo seu traballo de fin de mestrado «Aceleración de un método de predicción de genes en clústers de sistemas multinúcleo», que se centra na mellora da ferramenta FragGeneScan, que permite a predición de xeito preciso dos xenes en proxectos metaxenómicos actuais. Este segundo premio conta cunha dotación económica de 750 euros, que son achegados pola asociación GPUL, entidade colaboradora desta iniciativa e tamén enmarcado no convenio de colaboración asinado coa AMTEGA.

Finalista

O finalista deste premio, a quen o xurado tamén felicitou polo seu traballo é:

Martín Zapata Martínez«Leyes de escala en la naturaleza: aplicación a resultados electorales», no que se estudan as distribucións de leis de potencias que soen xurdir en bioloxía, física, economía, xeografía e incluso na internet.

Xurado

O xurado estivo formado polas seguintes persoas:

  • Daniel Iglesia IglesiasUniversidade da Coruña
  • José Varela PetUniversidade de Santiago de Compostela
  • Francisco Javier Rodríguez MartínezUniversidade de Vigo
  • Brais Arias RioGPUL
  • Breogán Cinza CabarcosAMTEGA
  • Pablo Sanxiao RocaOficina Software Libre da AMTEGA

Premio ao mellor Proxecto Universitario con licenza libre

O CIXUG convoca este premio dentro das actividades incluídas dentro do convenio de colaboración coa AMTEGA, e no que se pretende a mellora dos mecanismos de formación e difusión do software libre no ecosistema universitario galego.

A colaboración de GPUL tamén forma parte das actividades realizadas ao abeiro do convenio de colaboración asinada coa Amtega para a promoción do software libre en Galicia.

Agradecemento

O CIXUG agradece a cesión da plataforma de reunións virtuais «faladoiro.melisa.gal» por parte da asociación MeLiSA, e que foi empregada para a celebración do acto de resolución deste premio. «faladoiro» é unha plataforma baseada en BigBlueButton, e que forma parte das actividades de promoción de ferramentas libres levadas a cabo polo colectivo con sede en Melide.

Balance do Plan de Acción 2023

1 Decembro 2021 Informe

Plan de Software Libre 2024

1 Decembro 2021 Informe

#IA #PlanDeAccion #EntrevistasComunidade

Tendencias
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal