Logo EmapicEmapic é unha aplicación desenvolvida polo Laboratorio de Enxeñería Cartográfica da Universidade da Coruña (CartoLab), e que permite a realización de enquisas xeolocalizadas, é dicir, que ademais do resultado propio das enquisas podemos saber tamén dende que lugar foron contestadas.

A aplicación naceu como resposta á inquietude deste grupo de investigación sobre a posibilidade de poñer calquera cousa nun mapa, incluso emocións, así por exemplo a primeira enquisa rexistrada era un mapa da felicidade.

A potencialidade de unir as enquisas coas tecnoloxías de información xeográfica, en palabras de Alberto Varela, profesor responsable deste grupo de investigación, "pode ser de utilidade en diversos aspectos como en temas de participación cidadá, en estudos de mercado a calquera escala ou practicamente en calquera tipo de análise".
A aplicación, que se atopa en fase beta, está liberada baixo a licenza de software libre AGPL e a través da súa páxina web calquera persoa pode crear unha conta e facer a súa propia enquisa, ou responder ás que están dispoñibles.

Mapa dos galegos

Durante este verán, dende o laboratorio, lanzaron unha enquisa denominada #mapadosgalegos para intentar identificar a localización xeográfica dos galegos polo mundo e coñecer a súa relación con Galicia e a súa opinión sobre varios aspectos da nosa terra, "un pequeno ensaio da potencialidade que podería ter Emapic, identificar onde residen as persoas que teñen algún vínculo con Galicia e visualizar o impacto da comunidade no mundo", di Alberto Varela. Máis de 750 persoas participaron xa na enquisa, atopándose galegos nos cinco continentes, especialmente en Europa e América, dos que o 85% son nacidos en Galicia. Entre as opinións, o que máis destacan de Galicia son a paisaxe, a cultura e a súa xente.

Pin It on Pinterest

Share This