Edición de vídeo mellorada con OpenShot 2.1

Mércores, 21 Setembro 2016

Logotipo de OpenShotOpenShot é un software de edición de vídeo non lineal. Dende Mancomún vimos facendo eco da evolución deste produto dende as súas primeiras versións alá polo ano 2009. Se ben é certo que a evolución do produto quedara estancada un chisco durante un lapso de tempo importante, parece que o proxecto volta a tomar impulso, xa que fai pouco tempo, en Marzo de este ano, que se facía o anuncio da nova versión do produto e agora volve a ser noticia polo novo paquete de actualizacións e melloras.
Interface de OpenShot

O enfoque de OpenShot non radica nun amplo catálogo de opcións e menús, senón na inclusión de gran cantidade de efectos e transicións e nun uso intuitivo e sinxelo. A primeira vista, presenta una interface moi semellante á de outros editores de vídeo do mercado. O cambio visual con respecto ás versións máis antigas reside no cambio de framework gráfico a QT5 en detrimento do anterior baseado en GTK.

Con respecto á versión anterior incluíronse certas melloras como a capacidade de realizar animacións creativas ao incluír soporte para secuencias de imaxes con transparencia, keyframes e capas múltiples.

Outro apartado a destacar é a visualización do audio en forma de onda coa posibilidade de separar as canles de son, axustar o seu volume ou solucionar os problemas de sincronización entre a imaxe e o son dos vídeos editados.

A edición avanzada está mellorada con novos controis escorrentes que facilitan o traballo con fotogramas, unha nova selección para o editor de propiedades en forma de lista extensible, atallos de teclado personalizables, melloras da liña de tempo á hora de engadir ou manexar os elementos que o compoñen, optimización do rendemento da aplicación evitando eivas de memoria e agora a ferramenta de corte (slice) é capaz de traballar con varios clips de forma simultánea. Para os máis avezados, o blog de tecnoloxía La mirada del replicante continua cunha análise máis pormenorizada dos cambios e as novas funcionalidades do produto.

OpenShot distribúese baixo licenza GNU General Public License (GPLv3) e conta cun completo manual de uso, dispoñible para a súa consulta en liña. Ademais, pódese seguir a evolución do proxecto no seu blog onde ademais tamén se poden atopar exemplos en forma de video exemplos.

Balance do Plan de Acción 2023

1 Decembro 2021 Informe

Plan de Software Libre 2024

1 Decembro 2021 Informe

#IA #PlanDeAccion #EntrevistasComunidade

Tendencias
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal