Edición 2020 do concurso fotográfico Wiki Loves Monuments

Luns, 7 Setembro 2020

Wiki Loves Monuments, concurso de fotografía con miles de participantes en todo o globo. O 1 de setembro comezou a súa décima edición a nivel internacional, co obxectivo de documentar o patrimonio cultural da humanidade e facelo accesible grazas a unha liberación masiva de imaxes no repositorio libre Wikimedia Commons.

Documentando de maneira colectiva o patrimonio cultural

O Movemento Wikimedia, con esta iniciativa, quere lembrar a importancia que ten preservar (tamén dixitalmente) o patrimonio cultural. Os monumentos son unha parte fundamental desa posta en valor. Representan manifestacións artísticas e arquitectónicas que permiten achegarse a outras culturas e entender mellor a propia. Son unha parte fundamental do coñecemento histórico que se recolle e comparte de maneira colectiva en Wikipedia.

Todos eses artigos, que len na enciclopedia libre miles de persoas ao día, requiren de imaxes actualizadas para mostrar novas perspectivas e a evolución de todos eses lugares.

Como participar na edición española

– Crea unha conta en Wikimedia Commons e activa a recepción de mensaxes.
– Mira as listaxes de monumentos ou municipios que entran no concurso.
– Planea as túas saídas e fai moitas fotos.
– Súbeas a Wikimedia Commons entre o 1 e o 30 de setembro.
– Inclúe o identificador do monumento no formulario de subida de imaxes.

As imaxes deben ter unha resolución mínima de 1920×1080 px e non poden conter firmas ou marcas de auga. Podes traballar con calquera cámara e non existe límite no número de fotografías coas que cada persoa pode participar, aínda que animan a non subir moitas fotos do mesmo monumento ou paraxe para fomentar a diversidade audiovisual dos proxectos.

Para máis información, consulta as bases completas do concurso.

Premios e selección de imaxes

Un xurado outorgará varios premios ás mellores fotografías. Ademais, as dez mellores imaxes de cada país pasarán á fase internacional do concurso, que conta cos seus propios premios e recoñecementos.

Premio especial Rede española de reservas da biosfera

Na presente edición de Wiki Loves Monuments o Organismo Autónomo Parques Nacionales concederá un premio especial á mellor fotografía da Rede Española de Reservas da Biosfera, listadas nesta ligazón.

Máis información na nota oficial

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal