O vindeiro sábado 17 de Xuño terá lugar en Vigo o DronDay, unha xornada organizada pola Asociación Ghandalf en colaboración con Xeoinquedos, na que se tratará de acercar o uso dos drons como ferramenta para xerar imaxes aéreas para seren empregadas en labores cartográficas.

A xornada terá dúas partes diferencias, pola mañá terá lugar unha demostración de uso de drons con varios voos para obter imaxes aéreas sobre unha zona. Mentres que pola tarde farase un taller no que se ensinará como procesar esas imaxes, con software libre, para poder empregalas como base cartográfica en diferentes ferramentas, sobre todo en OpenStreetMap. Para todo isto contarase coa presencia de dúas persoas expertas pertencentes ao proxecto DroneMapZ de Zaragoza.

O evento é totalmente gratuíto pero é necesaria inscrición a través da súa páxina web, xa que as prazas son limitadas debido á tipoloxía do mesmo.

Esta actividade forma parte das que a Asociación Ghandalf realiza no marco do Convenio de colaboración asinado coa AMTEGA para a difusión do software libre e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2017 da Xunta de Galicia.

Pin It on Pinterest

Share This