Dispoñible a nova PicarOS Diego 2015

Luns, 19 Outubro 2015

Carátula de PicarOS 2015GALPon anuncia a nova versión da súa distribución para os máis cativos da casa, PicarOS Diego 2015.

Segundo se pode ler no anuncio desta nova versión, esta vén cargada de novidades resultado de axuste de detalles, suxestións dos mestres que a están a empregar dende hai varios cursos nas aulas, de corrección de bugs, da incorporación de novos programas ou a modificación dos existentes para adaptarse mellor aos seus destinatarios, etc.

Entre estas novidades atopamos por exemplo novas aplicacións ofimáticas, como un engadido para LibreOffice que separa as sílabas das palabras por cores, ou un curso completo de mecanografía para Ktouch con 500 leccións.; un programa que le calquera texto seleccionado nunha aplicación; incorporación de novos xogos para todas as idades; actualización dos navegadores de internet e adaptación para o seu funcionamento en webs educativas de uso extendido; novas aplicacións para a aprendizaxe e práctica musical; melloras no sistema para a configuración e rendemento do mesmo; etc
Algunhas das principais novidades son:

  • Accesorios
    • Lector, un programa que le calquera texto seleccionado en calquera aplicación: LibreOffice, navegadores de Internet, PDF, etc…; pero que ademais, está preparado para ler os libros dixitais das editoriais (que non permiten selección) ou os PDF escaneados como imaxes, xa que realiza un recoñecemento de caracteres ao voo.
    • Engadidos novos reloxos dixitais, temporizadores de conta atrás, reloxos analóxicos e reloxos didácticos.
    • Alea, un programa que aleatoriza unha serie de palabras separadas por comas para utilizar en concursos.
  • Oficina
    • MatPuzzle, un xerador de fichas matemáticas tipo quebracabezas.
    • Ligazón directa á web de Tagxedo, o famoso programa para xerar nubes de palabras, e preparamos Firefox para que execute Silverlight e poder utilizalo.
    • Sinxelo script que converte un PDF nun panfleto de dúas caras. Actualizados o guillotinador de PDF, o Xerador de diplomas, o Creador de carnés e Genxword para facer encrucillados.
    • En LibreOffice engadimos un separador de sílabas en cores e arcos baixo cada sílaba.
    • Creamos desde cero un curso completo de mecanografía para Ktouch con 500 leccións + 50 pequenos textos no que sempre que foi posible utilizamos palabras e frases reais en lugar de repetir duascentas mil veces combinacións de letras sen sentido como ocorre na maioría dos cursos deste tipo.
  • Gráficos
    • Camiseta, un sinxelo programa para ver como quedaría pasado o ferro o teu logo nunha camiseta.
    • Engadido programa para ver fractais e un programa para crear Stereogramas.
    • Novo programa de recorte de imaxes que agora permite recortar múltiples imaxes dunha soa, ideal cando temos que recortar as caras dos nosos alumnos nunha foto de grupo.
  • Xogos
    • Para os recentemente chegados, programas para practicar o arrastrar e soltar, o clic e o dobre clic, o control fino dos movementos do rato (labirintos).
    • Multitude de novos xogos como Gatino, xogo de lóxica; Kidsudoku, un sudoku para os máis pequenos; Sudokuki, xogar, crear ou imprimir sudokus; Mr.Rescue, rescata ás persoas dun edificio en chamas; Regame, o xogo da reciclaxe; etc
    • Corrixido bug en jclic, agora apunta a Firefox, xa que Chrome non abre programas en Java.
  • Internet
    • Actualizados Firefox e Google Chrome. Firefox configurado con Anti-tracking.
    • Programas para descargar calquera cousa de Youtube, vídeos, canles enteiras, listas de reprodución, subtítulos…
    • Sinxelo script para descargar cancións ou listas de reprodución de Goear.
  • Multimedia
    • Engadido Mixxx para a mestura de música en eventos e festas.
    • Incluímos un programa para aprender cancións a piano visual e sinxelo chamado Linthesia.
    • Play it slowly, un programa que axuda a enlentecer cancións, útil para os mestres de inglés.
  • Sistema
    • Engadimos novos drivers de impresoras/fotocopiadoras (Ricoh, Konika-Minolta, Gestetner…e moitísimas máis, tomadas directamente de openprinting.org)
    • Aínda mantemos o mesmo kernel, pero engadimos novos drivers de tarxetas WIFI para poder utilizar os novos dispositivos que están a saír hoxe día ao mercado.
    • Engadida compatibilidade para máis encerados dixitais, en concreto, hai compatibilidade con StarBoard (Hitachi), SmartBoard, Multiclass e Promethean, ademais de ter o sistema preparado para configurar rapidamente unha PDI de baixo custo utilizando o mando da Wii. Todos cos seus correspondentes programas para calibrar o encerado.
    • Novo script que modifica efectos visuais, desactiva servizos e programas no inicio, cambia un pouco o aspecto, pero mantendo as súas funcionalidades e engade máis memoria SWAP…todo para reducir aínda máis o uso de RAM e mellorar a velocidade en equipos MOI vellos. O script chámase Caracol e pódese atopar tamén no menú «Utilidades de Minino».
  • E moitas outras novidades… Pode consultar a lista completa de todas as novidades nas notas de publicación de PicarOS Diego 2015 no portal de GALPon.

Descarga e documentación

As persoas interesadas en probar esta distribución, ben para o seu uso nas aulas, ou para o seu uso de maneira particular nas casas, poden descargar a distribución na portal de Minino:

  • Descarga de MiniNo PicarOS Diego: Versión personalizada para Ensino Primario (3-12 anos), cun escritorio e funcionalidades pensadas para que sexa agradable e doada para os pícaros. Necesita, polo menos, un procesador P4-1500MHz (ou equivalente), 512 MB de RAM e 10 GB de disco. Versión híbrida DVDvivo/USBvivo.

Existen diversos videotitoriais que amosan como usar algunhas das funcionalidades de Picaros, así como documentación de libre acceso en Gdrive, que segue a ser válida:

Esta publicación forma parte das actividades que GALPon realiza ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2015 da Xunta de Galicia.

Balance do Plan de Acción 2023

1 Decembro 2021 Informe

Plan de Software Libre 2024

1 Decembro 2021 Informe

#IA #PlanDeAccion #EntrevistasComunidade

Tendencias
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal