Día da Liberdade dos Documentos

Mércores, 28 Marzo 2012

Libera os teus documentos

Hoxe 28 de marzo de 2012 celébrase o Día da liberdade dos Documentos (DFD). Trátase dunha iniciativa a nivel mundial promovida pola Free Software Foundation Europe que se celebra dende hai 3 anos o derradeiro mércores do mes de marzo. O obxectivo deste día é chamar a atención sobre a importancia de conservar os documentos dixitais que empregamos en formatos libres e baixo estándares abertos, así como promover a adopción de formatos de documentación abertos.

Pode o noso televisor recibir os sinais de todas as compañías? Serve o noso teléfono para comunicarnos cos aboados de calquera compañía telefónica? Entón, porque non ocorre o mesmo no campo informático?

A diario atopámonos con problemas de comunicación: sistemas de mensaxeira instantánea que non se comunica cos outros, vídeos que só poden verse cun reprodutor determinado, sitios web accesibles só cun determinado navegador, libros electrónicos que só podemos ler nun lector concreto. O problema radica na falta de uso de estándares abertos.

Esta situación tórnase preocupante cando é a Administración Pública a que non fai uso dos estándares abertos e obriga á cidadanía a se comunicar con ela empregando produtos software propietarios, de uso estendido no mercado, por seren os únicos capaces de empregar os seus formatos pechados. Isto atenta contra o principio de non discriminación á cidadanía por razón de elección tecnolóxica.

Os estándares abertos garanten a liberdade de acceso aos nosos datos e aos nosos documentos así como a liberdade para que calquera poida desenvolver programas capaces de ler e escribir estes datos agora e no futuro.

Reivindicación galega

A comunidade galega do software libre súmase un ano máis á celebración deste día reivindicando o uso de formatos abertos nos documentos coa seguinte mensaxe: Libera os teus documentos para poder compartilos, para garantir a interoperabilidade dos sistemas e para garantir a accesibilidade futura da información.

Os formatos estándar abertos para o intercambio de documentos son o PDF (de acordo coa ISO 32000) se non existe necesidade de modificar o documento e o ODF se queremos que este poida ser modificado polo destinatario.

Existen numerosas suites ofimáticas que permiten traballar co estándar ODF: LibreOffice, Calligra, OpenOffice.org , Koffice … software que ademais está dispoñible para o seu uso en galego grazas ao traballo dos membros do Proxecto Trasno.

Dende Trasno achégannos tamén un receita sobre como xerar un PDF híbrido coas vantaxes dun PDF e dun ODF. A grandes trazos consiste na creación a través de LibreOffice dun PDF co ODF embebido. Isto permitirá que calquera poida ler o PDF en calquera das plataformas e lectores dispoñibles e ademais quen dispoña do LibreOffice poderá editar dito PDF.

Balance do Plan de Acción 2023

1 Decembro 2021 Informe

Plan de Software Libre 2024

1 Decembro 2021 Informe

#IA #PlanDeAccion #EntrevistasComunidade

Tendencias
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal