Debian organiza un biohackathon para loitar contra o COVID-19

Luns, 6 Abril 2020

Na liña de moitas outras iniciativas colaborativas que están vendo a luz ante a situación excepcional que se está a vivir en todo o mundo, emerxe unha nova idea da man do proxecto Debian. Trátase do Biohackathon, un hackathon virtual que durará dende o 5 ao 11 de abril.

Mediante un anuncio na lista de correo de desenvolvedores de Debian, difundía esta iniciativa na que o equipo de Debian Med fai un chamamento a participar a toda persoa que poida e queira axudar a mellorar software libre biomédico e todas aquela ferramentas e bibliotecas que soporten eses proxectos.

Existen tanto diversos tipos de tarefas coma posibilidades de axudar e non todas elas requiren coñecementos de bioloxía ou de medicina. Dentro das posibilidades de colaboración están a organización dos fallos por prioridades, as probas, a redacción e corrección de documentación, a integración continua, a tradución e localización, o empaquetamento e desenvolvemento de código… Toda clase de contribución é benvida, din dende Debian Med.

  • Os paquetes de software que participarán do biohackathon poden verse nesta ligazón, onde tamén se pode ler entre outra información unha breve descrición sobre o mesmo ou a persoa encargada de cada un deles en Debian (maintainer).
  • Os fallos, tamén coñecidos como bugs, están e estarán todos listados nesta ligazón.

Para máis información sobre a iniciativa pódese ler a mensaxe na lista de desenvolvedores de Debian nesta ligazón.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal