Cursos de Software Libre organizados pola Amtega

Luns, 24 Abril 2017

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) a través do Centro Demostrador TIC (CDTIC) continuando co seu esforzo pola difusión e a formación do Software Libre, organiza dous cursos introdutorios sobre licenzas libres e o seu uso empresarial:

  • O 23 de Maio de 2017 de 10:00h a 13:30h – Como establecer e como usar unha licenza de software libre e que implicacións ten para a miña empresa
  • O 30 de Maio de 2017 de 10:00h a 13:30h – Liberación de software: como se fai e por que é interesante para a miña empresa

No curso Como establecer e como usar unha licenza de software libre e que implicacións ten para a miña empresa explicarase que é unha licenza de software e quen pode establecela, e trataranse conceptos básicos sobre a propiedade intelectual. Tamén se fará unha introdución ás licenzas específicas para publicacións. Finalmente, verase algún exemplo práctico orientado ao eido empresarial sobre como establecer unha licenza ou que aspectos cómpre ter en conta á hora de escoller un software de terceiros.

O curso está principalmente orientado a empresas que queren publicar algún contido con licenzas libres ou teñen a necesidade de integrar outros compoñentes de software libre nos seus proxectos ou fluxos de traballo, polo que a temática do curso centrarase en temas como:

  • Que é unha licenza de software e quen pode establecela
  • As licenzas de software libre
  • Licenzas para documentación e publicacións
  • Como interpretar as licenzas: integrando compoñentes de terceiros

Como extensión ao curso anterior, o curso de Liberación de software: como se fai e por que é interesante para a miña empresa introdúcese no paradigma de liberación de proxectos como software libre, facendo fincapé nas vantaxes que isto pode reportar e novos modelos de negocio asociados ao software libre que poden resultar de interese para unha empresa. Finalmente, realizarase tamén unha pequena introdución sobre que ferramentas se adoitan empregar para a xestión dun proxecto unha vez liberado.

Este curso xa está máis orientado a empresas que queren liberar o seu software baixo unha licenza libre ou explorar novos modelos de negocio baseados no software libre e abarca os seguintes temas:

  • Por que liberar o software
  • Modelos de negocio de software libre
  • Como liberar un proxecto paso a paso
  • Como xestionar un proxecto liberado

Recorde que para asistir presencialmente a estas actividades debese realizar a inscrición no curso correspondente no espazo Empresa e Profesionais da web do CDTIC.

Quen imparte os cursos

Pablo Sanxiao Roca, Enxeñeiro técnico en Informática pola Universidade da Coruña e Mestrado en Software Libre pola Universidade Rey Juan Carlos I. Pablo é socio fundador de iCarto, empresa especializada en tecnoloxías de información xeográfica open source, consultor especializado en software libre e colaborador na Oficina de Software Libre da Amtega. Membro da GNOME Foundation, do capítulo hispano-falante da Fundación OSGeo e do Board do Comité de Dirección Técnica de gvSIG. Socio fundador de Ghandalf, asociación para a difusión do software libre en Galicia.

Centro Demostrador TIC Virtual

O servizo de CDTIC Virtual, ofrece ás empresas, organizacións e persoas usuarias a posibilidade de analizar e probar distintas aplicacións en software libre a través dun servizo na nube nun contorno privado, sen necesidade de dispoñer de recursos informáticos propios ou de persoal con coñecementos avanzados de sistemas.

Na actualidade, as solucións dispoñibles no CDTIC Virtual son Xeshostal, un software para a xestión hoteleira; Owncloud, un servizo de compartición de arquivos na nube; Odoo, un ERP para a xestión integral dunha empresa; CiviCRM, un software de xestión de relacións con clientes (CRM) orientado ao seu uso por parte de organizacións que traballan no eido social; o motor de ventas online Prestashop e o xestor de contidos empresarial (ECM) Alfresco.

As persoas interesadas en solicitar a avaliación dunha das aplicacións dispoñibles non teñen máis que rexistrarse como profesionais ou empresas na web do CDTIC e posteriormente solicitar a aplicación ou aplicacións que lles interesen. Ata o momento xa o fixeron un total de 61 empresas usuarias do CDTIC Virtual.

Balance do Plan de Acción 2023

1 Decembro 2021 Informe

Plan de Software Libre 2024

1 Decembro 2021 Informe

#IA #PlanDeAccion #EntrevistasComunidade

Tendencias
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal