Os vindeiros 19, 20 e 21 de novembro, no CESGA, terá lugar un curso sobre ferramentas libres para análise e optimización de código secuencial e paralelo.

Os profesores da Universidade da Coruña Diego Andrade e Basilio Fraguela, falarán sobre como empregar ferramentas libres no eido da HPC, siglas en inglés de High Performance Computing, coas cales introducir aos alumnos nas arquitecturas máis modernas xunto coas posibilidades de paralelismo que estas ofrecen, así como tamén xeitos de depurar, analizar e optimizar tanto o noso propio código coma o alleo.

Ámbolos dous, investigadores no Grupo de Arquitectura de Computadores e docentes con máis de 10 anos de experiencia no eido da optimización e rendemento de aplicacións darán tamén unhas pautas sobre como empregar os compiladores GNU para mellorar o rendemento así como tamén unha introdución ao emprego de ferramentas como gprof e Callgrind/Valgrind de xeito que os asistentes poidan comezar a analizar o rendemento e emprego de recursos do código tanto propio como alleo.

Deste xeito os asistentes, que xa deberían ter un coñecemento sobre como desenvolver código secuencial en C/C++ ou en Fortran, obterán un entrenamento básico no emprego das ferramentas FOSS para profiling e optimización, tales como Paraver, Extrae e Dimemas, desenvolvidas no BSC (Barcelona Supercomputing Centre) así como tamén ferramentas máis clásicas, non por el menos efectivas como as xa mencionadas gprof ou callgrind/valgrind. Todo esto sempre traballando sobre os compiladores do proxecto GNU.

Coñecementos básicos de programación paralela mellorarían tamén o seguemento do curso, sobre todo nas partes adicadas as distintas posibilidades de vectorización de código e extracción de paralelismo empregando pragmas OpenMP sobre o noso código secuencial.

O curso desenvolverase en tres xornadas consecutivas de mañá, entre as 9:00 e as 14:00, nas instalacións do CESGA. Para máis información, pódese seguir a seguinte ligazón, onde tamén se inclúe o formulario de rexistro.

Pin It on Pinterest

Share This