Nova convocatoria do curso de preparación por teleformación para a obtención do CODIX.

Prevista a súa publicación no DOG o luns 3 de febreiro do 2020.

CODIX

A certificación galega de competencias dixitais en ofimática é o documento que acredita posuír a combinación de coñecementos, capacidades e aptitudes no ámbito das tecnoloxías da información e as comunicacións que as persoas precisan para desenvolverse con eficacia e eficiencia no manexo de aplicacións ofimáticas na xestión da información e a documentación.

A Oficina CeMIT (AMTEGA) ofrece dúas posibilidades para obter a certificación:
– Presentarse a un curso de teleformación con exame presencial final (dúas convocatorias anuais: febreiro e setembro).
– Presentarse directamente a un exame libre (dúas convocatorias anuais: marzo e outubro).

Para facilitar o acceso aos coñecementos necesarios para superar o exame libre, a Oficina CeMIT publicou na súa plataforma de teleformación EMA os contidos do curso na modalidade de autoformación.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) ten previsto abrir o martes 4 de febreiro o prazo de inscrición no curso de teleformación para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática.

Requisitos

Para acceder a este curso os únicos requisitos necesarios son ser maior de 16 anos, estar dado de alta como usuarios da rede CeMIT e abonar a taxa correspondente aos dereitos de exame -ou xustificar a súa exención-, tendo preferencia as persoas que non se matricularan na edición inmediatamente anterior desta actividade formativa convocada no pasado mes de setembro.

Curso de teleformación

O curso de preparación impártese na modalidade de teleformación con titorías de apoio, polo que soamente será necesario contar cun ordenador persoal e conexión a internet para seguir a formación dende calquera lugar e en calquera momento.

O prazo de inscrición será de cinco días hábiles partir do seguinte da publicación da convocatoria no DOG, é dicir, dende o martes 4 ata o luns 10 de febreiro inclusive. Unha vez finalizado o prazo de inscrición, realizarase o sorteo público de extración das letras dos apelidos para a establecer a prelación por orde alfabética e se publicará a relación provisional de persoas admitidas con dereito a matriculación na páxina web da rede CeMIT así como un número adecuado de reservas.

As persoas admitidas provisionalmente deberán aboar no prazo de cinco días hábiles desde a data da publicación na web da relación provisional a taxa de 10,63 euros correspondente aos dereitos de exame, sendo excluídos aquelas persoas aspirantes que non aboen a citada taxa ou non xustifiquen a exención da mesma (demandantes de emprego antes da publicación da convocatoria ou persoas con discapacidade >=33%).

A preinscrición neste curso e demais trámites relacionados co mesmo se realizarán exclusivamente a través de internet, por medio dun enlace que figurará nesta páxina web da rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal).

Plan Formativo Ofimático de Galicia

• Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico (30 horas)
• Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base (50 horas)
• Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress (30 horas)
• Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer. (30 horas)
• Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc (50 horas)

Máis información na web do CeMIT

Pin It on Pinterest

Share This