Cartolab informa que están a organizar, en colaboración coa Fundación Universidade da Coruña, diferentes cursos online sobre os SIX a desenvolver nos próximos meses que comezan xa cun curso de NavTable.

Cartel do curso sobre NAvTableNavTable é unha extensión para gvSIG desenvolvida por Cartolab no ano 2009 que facilita o traballo cos datos alfanuméricos asociados ás capas vectoriais. Segundo a información ofrecida por Cartolab, o éxito de acollida entre a comunidade de usuarios impulsounos a desenvolver novas funcionalidades e mesmo unha biblioteca propia para xerar formularios personalizados.

Este curso é sen dúbida unha excelente oportunidade para todos aqueles que teñen que traballar con gvsig para coñecer o funcionamento e potencial desta extensión da man dos seus creadores.
O curso proposto terá unha duración aproximada de 10 horas distribuídas en dúas semanas para dar a coñecer o potencial da navegación sobres os datos alfanuméricos ligando os rexistros á súa visualización sobre o mapa, editando con facilitade os datos manexados e realizando filtros rápidos para seleccionar os obxectos xeográficos necesarios.

Ademais destas funcións básicas, tamén se tratarán aspectos de personalización avanzada de NavTable, grazas á aplicación dos alias para o nome dos campos e da posibilidade de incluír unha imaxe como cabeceira na xanela de NavTable.

Ofreceranse vídeos explicativos, documentación, exercicios prácticos, test e cuestionarios que axudarán a coñecer en profundidade esta aplicación fundamental para quen manexe información alfanumérica con gvSIG.

O curso ten un custe de 50€ para o público en xeral, e de 40€ para o alumnado da UDC. Os interesados en matricularse do curso poden consultar toda a información na páxina da Fundación UDC.

Pin It on Pinterest

Share This