Novos cursos organizados para este verán na aula CeMIT de Ribeira. Os cursos celebraranse baixo protocolos de seguridade sanitaria (oito equipos informáticos para garantir a distancia entre os asistentes).

Entre os diferentes cursos que se levarán a cabo, destacamos aquí os relacionados con ferramentas de software libre.

Folla de datos con Calc

Do 4 ao 27 de agosto de 12.00 a 13.30 horas.

Calc é unha folla de cálculo potente e versátil. A quen a usa por primeira vez resúltalles intuitiva e fácil de aprender. Conta cunha ampla gama de funcións avanzadas.

Pódese descargar libremente desde o repositorio de LibreOffice.

Calc pode gardar as follas de cálculo no seu propio formato nativo, OpenDocument (.ods), ou tamén pode abrir e gardar follas de cálculo de Microsoft Excel. Tamén permite exportar ao formato de Documento Portable (.pdf), que se pode ler nunha ampla gama de dispositivos e plataformas.

Sobre LibreOffice

LibreOffice é un conxunto completo de ferramentas de ofimática dispoñibles libremente, que inclúe un procesador de textos (Writer), folla de cálculo (Calc), presentacións (Impress), base de datos (Base), debuxo vectorial (Draw) e outras ferramentas.

O formato de ficheiro propio de LibreOffice é OpenDocument, un formato estándar e aberto que está sendo adoptado por gobernos de todo o mundo como formato de ficheiro obrigatorio para a publicación e aceptación de documentos.

LibreOffice tamén pode abrir e gardar documentos en moitos formatos diferentes, incluíndo aqueles utilizados en varias versións de Microsoft Office.

Inscrición

As inscricións poden facerse na aula CeMIT de Ribeira ou na páxina oficial.

Máis información na web da aula CeMIT

Pin It on Pinterest

Share This