Como xa informamos anteriormente neste portal, o Máster en Software Libre organizado por Igalia e a Universidade Rey Juan Carlos de Madrid, ofrece a posibilidade de cursar os módulos do mesmo de maneira individual.

Onte informaron que o prazo de inscrición para cursar o módulo de desenvolvemento en contornos web con Software Libre está xa aberto ata o vindeiro 28 de maio.

Segundo os organizadores, este módulo é de especial interese para persoas que:

  • Queiran desenvolver aplicativos para contornos web con tecnoloxías RIA, php, java.
  • Desexan participar en comunidades de software libre e interésalles coñecer os seus métodos de xestión, comunicación, as ferramentas coas que interactúan, etc.

O módulo desenvolvemento en contornos web con Software Libre conta cunha duración de 80 horas, repartidas en distintas sesións os venres e sábados dende o 11 de xuño ata o 31 de xullo, e desenvolverase na cidade de A Coruña.

Ao longo das distintas sesións, o alumnado familiarizarase, dunha maneira eminentemente práctica, coas tecnoloxías usadas nestes contornos así como coas ferramentas e prácticas habituais nos proxectos de software libre.

Pode consultarse toda a información relativa aos contidos e obxectivos do curso na web do Máster.

O prezo de matrícula no módulo é de 1400€ que pode verse reducido ata 980€ segundo a política de prezos e descontos por colectivos.

Fonte: Igalia

Pin It on Pinterest

Share This