Chegamos a finais de Novembro e non podemos fallar a cita coa Galicia Maker Faire.

Consolidada como a meirande feira de inventores en Galicia, nesta cuarta edición volve posicionarse como un escaparate ideal para creadoras de ámbitos tan diversos como a gastronomía, robótica, mecánica, ciencia, arte urbana, música, electrónica, artesanía, etc.

Desta volta serán o 23, 24 e 25 de Novembro as datas nas que a Cidade da Cultura volverá a converterse no lugar ideal onde poder desfrutar das creacións e dos proxectos das makers. O venres 23 repetirase a xornada profesional da industria 4.0. Seguidamente, sábado e domingo, dende as 10 ata as 20 horas, poderemos departir nos diferentes espazos adicados a charlas, exposicións e obradoiros.

A pasada edición supuxo a consolidación do evento a nivel estatal e internacional. Máis de 10.000 visitantes, 50 proxectos diferentes e preto de 200 makers fan testemuña da repercusión que este evento ten na comunidade Maker.

Pero, que é un Maker? Maker (ou facedor) é una persoa que conxuga o coñecemento técnico coa creatividade e que, seguindo a cultura do Do I Yourself e os principios filosóficos do software libre, é capaz de xerar creacións e proxectos con unha grande compoñente de innovación. A posibilidade de compartir os proxectos online, e o acceso ao hardware libre, axilizan os procesos creativos, mellorando os proxectos dun xeito exponencial e dando lugar a espazos como os FabLabs, HackerSpaces ou MakerSpaces, xermolando deste xeito o Movemento Maker.

Programa 4.0

Patrocinada polo Concello de Santiago, a Fundación Cidade da Cultura de Galicia e a Xunta de Galicia, esta edición volta contar con unha xornada de networking, adicada ao sector profesional.

Galicia Maker Faire - Programa 4.0

Galicia Maker Faire – Programa 4.0

En xornada de mañá, o venres 23, a Galicia Maker Faire adica por segunda vez unha xornada dirixida unicamente a empresas e profesionais na que, previa acreditación, poderase desfrutar de diversos relatorios, así como dunha mesa redonda na que escoitar e interpelar a diferentes expertos na materia.

Do mesmo xeito, durante toda a xornada, os 10 mellores proxectos maker terán un espazo no que poder presentar as súas creacións aos profesionais que se acheguen a Cidade da Cultura.

Os días da fin de semana, 24 e 25, o obxectivo voltará ser o público xeral e os protagonistas novamente, as Makers. Este é o programa de actividades.

Programa Galicia Maker Faire

Programa Galicia Maker Faire

Organizadores

Vermis Project: Enrique Saavedra e Marcos Saavedra son, nas súas propias verbas, os compoñentes deste estudio adicado a innovación educativa, social e empresarial. En 2014, baseado no movemento Maker, crean VermisLab, co obxectivo de traballar en novas liñas coas que poder potenciar e estimular a curiosidade da mocidade polas tecnoloxías arredor do deseño hardware e da ciencia. En 2015 pulan, xunto a outras persoas da comunidade maker galega, pola creación de Recuncho Maker, o primero makerspace en Santiago de Compostela.

O Gato Cósmico, proxecto de xestión cultural creado por Matilde Rodríguez, leva máis de 6 anos organizando eventos culturais e comisariando exposicións en Galicia. A ilustración contemporánea, a arte urbana, a música e a filosofía DIY (Do It Yourself) definen este proxecto que naceu coa idea de dar visibilidade á creación galega e aos artistas máis emerxentes do noso panorama actual.

Pin It on Pinterest

Share This