O Concello da Coruña fai público na súa páxina web a sinatura do dun convenio de colaboración co presidente da Asociación de Empresas Galegas de Software Libre, Agasol, dirixido a contribuír á realización de actuacións de capacitación e promoción do software libre e de fontes abertas e o uso de estándares abertos. Así o vén de certificar o alcalde, Xulio Ferreiro, e a concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, tamén presente no acto cerimonial de sinatura.

Este acordo de colaboración servirá, en palabras do alcalde Xulio Ferreiro, para “realizar actuacións de capacitación e promoción do software libre e de fontes abertas e o uso de estándares abertos” e maiores, para a elaboración dun plan de migración ao software libre por parte dun ente municipal, que tomará como base a administración coruñesa, como primeiro paso para avaliar, planificar e temporalizar o proceso de migración a este tipo de tecnoloxías dentro da administración local.

No acto incidiuse nas vantaxes do software libre como peza importante para o desenvolvemento empresarial galego. A aposta polo software libre do Concello da Coruña é tamén unha apostar polo tecido empresarial local, que non asiste en igualdade de condicións cando nos pregos se inclúe software privativo. A colaboración do Concello con Agasol vai orientada, segundo se recolle no convenio, a facilitar a sostenibilidade tecnolóxica e o incremento da produtividade, aproveitando as vantaxes do software libre e garantindo a interoperabilidade mediante o uso de estándares abertos. Deste xeito, o acordo reflexa unha subvención de 39.000 euros en favor de Agasol, como entidade que realiza unha actividade de interese xeral para o conxunto da comunidade.

No mesmo acto, Claudia Delso recordou as accións postas en marcha polo Concello para a promoción económica en relación co sector das novas tecnoloxías e a innovación, como “unha das áreas produtivas clave para o desenvolvemento económico e social”, tanto polo seu carácter estratéxico e transversal, como pola condición desta clase de tecnoloxías de acelerador no cambio tecnolóxico. Neste sentido, a concelleira salienta a aposta polo coñecemento aberto por parte da institución “para poñer a disposición da veciñanza ferramentas que non son unicamente máis transparentes e accesibles para a cidadanía senón que ademais poden ser modificadas e melloradas por parte desa mesma cidadanía”. Tamén, alude ao “aforro para as arcas municipais que suporía esta migración”, pola carga que supón o pagamento das licenzas comerciais.

Pin It on Pinterest

Share This