Contribúe co Software Libre no verán e consegue que che paguen por elo

Martes, 10 Marzo 2015

Cartel do relatorioVolven os XovesLibres de GPUL un ano máis á Facultade de Informática da UDC. Este xoves 12 de marzo, a partir das 17:00 horas terá lugar no Lab 0.1w da FIC unha pequena charla informativa sobre os programas de colaboración con proxectos libres promovidos por Google e Gnome, como son o Google Summer of Code, o Outreachy (antigo Outreach Program for Women), o Google Code-In, etc.

Tanto se xa coñeces estes programas e estás interesado en participar como se non os coñeces, esta charla será de moito interese e axuda. Persoas que participaron nestes programas en anos anteriores falarán da súa experiencia, e darán consellos á hora de participar neles.

Para quen non coñeza estas iniciativas, trátase a grandes rasgos, de programas de mentorización de estudantes nos que estes poden colaborar no desenvolvemento dun proxecto de software libre durante un breve período de tempos (en torno a 3 meses) e a cambio, ademais de aprender as dinámicas de traballo do software libre, colaborar con proxectos e comunidades interesantes, obteñen unha remuneración económica polo traballo desenvolvido.

Google Summer of Code

O Google Summer of Code é un programa internacional que conta entre os seus obxectivos a integración de estudantes no mundo do desenvolvemento do software libre ao tempo que colaborar con proxectos libres de interese xeral.

Para isto, nunha primeira fase, Google selecciona de entre todos os proxectos libres que se presentan aqueles de maior interese e nunha segunda fase os estudantes solicitan colaborar co proxecto que máis lles atrae dos dispoñibles. Finalmente, feito o emparellamento entre proxectos mentores e estudantes, estes traballarán durante 3 meses, coincidentes co período estival, subvencionados por Google para sacar adiante algunhas das ideas sobres as que traballar no proxecto escollido.

Os proxectos seleccionados para o GSOC 2015 xa se poden consultar, e o vindeiro día 16 de Marzo abrirá o prazo para que os estudantes interesados envíen as súas solicitudes de participación. Cada proxecto pode ter pequenas diferencias á hora de remitir a solicitude de colaboración, pero, segundo indican dende GPUL, na páxina “So you want to be a "Summer of Code" student…” hai unha serie de recomendacións relativas á comunidade KDE que poden ser de aplicación para calquera outro proxecto.

GNOME Outreachy, antigo Outreach Program for Women

Trátase dun programa coa mesma filosofía que o Google Summer of Code, que lanzou GNOME no ano 2006 dirixido exclusivamente a candidatas femininas, co obxectivo de involucrar a máis mulleres no mundo do Software Libre, onde aínda hoxe seguen a estar moi infrarepresentadas.

Na páxina de GNOME Outreachy explican que tendo este programa específico para mulleres, permitiulles atopar participantes moi apaixonadas e con moito talento, que non estaban seguras de como comezar a colaborar. Agora están ampliando este programa a persoas de máis grupos infrarepresentados no ecosistema do Software Libre. Ademais non está limitado soamente á programación, senón que tamén existe a posibilidade de colaborar en tarefas relacionadas co deseño, documentación, desenvolvemento web, marketing, tradución e moitas outras tipos de tarefas necesarias para soster un proxecto libre.

O prazo para participar na primeira quenda do 2015 deste programa está xa aberto e remata o vindeiro 24 de Marzo.

Balance do Plan de Acción 2023

1 Decembro 2021 Informe

Plan de Software Libre 2024

1 Decembro 2021 Informe

#IA #PlanDeAccion #EntrevistasComunidade

Tendencias
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal