• Publicado o artigo de difusión “Solucións empresarias de almacenamento na nube con software libre: owncloud”.
  • Adaptabilidade e privacidade son os aspectos máis valorados tanto polas empresas usuarias, Igenoma e Inprosec, como polos provedores entrevistados, OpenInnova e Librebit (anteriormente coñecida como Tegnix).

Hoxe publicamos no portal mancomún o primeiro artigo dunha serie de artigos de difusión tecnolóxica: Solucións empresarias de almacenamento na nube con software libre: owncloud.

Neste artigo descríbese brevemente esta solución tecnolóxica como alternativa para cubrir as necesidades empresariais no ámbito do almacenamento na nube para presentar despois a experiencia no uso da solución de dúas empresas usuarias, así como a opinión de dous provedores tecnolóxicos expertos nela.
Owncloud, é unha solución libre que permite dispoñer dun servizo de almacenamento e compartición segura de ficheiros na nube (cloud computing) destinada principalmente a pemes e profesionais autónomos. Trátase dunha alternativa libre a outras solucións privativas presentes no mercado (como dropbox o google drive) que ofrece ademais outras funcionalidades de traballo en grupo como calendario ou axenda compartidos.

A elección desta solución non foi arbitraria. Por unha banda, as tecnoloxías de almacenamento de información na nube, estanse convertendo cada vez máis nun servizo case imprescindible no eido TIC. Por outra banda dende finais de Agosto, está habilitado un novo servizo no CDTIC, o CDTIC Virtual, a través do que calquera empresa pode solicitar probar unha instalación de owncloud

Casos de éxito e provedores tecnolóxicos

Estamos convencidos de un dos factores que máis poida axudar a unha empresa a tomar a decisión de empregar unha nova solución é coñecer a opinión doutros usuarios.

Así falamos con dúas empresas galegas que están actualmente a empregar OwnCloud para ter a súa nube privada, unha cunha instalación en servidor propio e outra como servizo contratado na nube: Igneoma e Inprosec. Preguntámoslles que lles motivou a empregar owncloud fronte a outras solucións así como as súas recomendacións.

Ambas empresas aseguran estar satisfeitas coa solución, que por suposto recomendarían a outras empresas. Entre os aspectos determinantes á hora de escoller esta solución destacan a boa relación prestacións / custe, a adaptabilidade da solución e a facilidade de instalación, xestión e mantemento.

Outro factor que cremos importantes no proceso de toma de decisións, é coñecer provedores próximos e de confianza que nos poidan axudar na tarefa. Por iso falamos tamén con dous provedores galegos de OwnCloud, Openinnova e Librebit que nos dan a súa opinión especializada ao respecto das funcionalidades, vantaxes e madurez de OwnCloud. Ambos destacan unha vez máis a adaptabilidade da solución, a súa madurez así como que a empresa pode manter a privacidade e control da súa información.

Recomendamos pois ler o artigo completo para coñecer de primeira man tanto cales son as impresións das empresas usuarias respecto desta solución como a opinión dos especialistas.

Artigos de difusión tecnolóxica

Este artigo que publicamos hoxe, inaugura unha nova sección no portal mancomún na que agardamos ir publicando periodicamente artigos de difusión tecnolóxica.

O obxectivo destes artigos é contribuír a paliar uns dos principais problemas das nosas empresas á hora de implantar solucións tecnolóxicas con licenza libre, o descoñecemento das solucións existentes e a percepción da falta de provedores. A estrutura dos artigos será a seguinte:

  • Breve introdución a unha necesidade tecnolóxica das nosas pemes.
  • Presentación dunha solución en software libre.
  • Entrevista a un ou máis casos de éxito de empresas galegas usuarias da solución.
  • Entrevista aos correspondentes provedores que lles achegaron dita solución.

O Mapa de Capacidades Tecnolóxicas de Galicia, ferramenta de referencia para o Centro Demostrador TIC de Galicia de cara a identificar provedores e solucións tecnolóxicas de Galicia será o principal punto de información para a elaboración deste tipo de artigos de difusión tecnolóxica.

Por suposto, a colaboración das empresas será sen dúbida imprescindible, tanto á hora de contar con casos de éxito como de identificar provedores. Ademais estamos abertos a recibir suxestións de artigos de difusión tecnolóxica sobre solucións libres. Tanto se es unha empresa tecnolóxica como doutro sector podes remitir propostas de temáticas de interese ou solucións concretas a través do formulario de contacto do portal mancomún, ou do contacto da Oficina de Coordinación de Software Libre da Amtega ou contactando co propio CDTIC

Servizos do Centro demostrador TIC de Galicia

Para finalizar lembrar algúns dos servizos que o Centro demostrador TIC de Galicia pon a disposición das empresas galegas.

Se vostede é unha empresa do sector TIC e está interesada en dar a coñecer as súas solucións TIC lembrámoslle que ten á súa disposición os servizos do Centro Demostrador TIC de Galicia, no que por exemplo poderá solicitar realizar unha sesión demostradora nas instalacións do centro.

Se vostede é unha empresa de calquera sector produtivo e ten interese en coñecer solucións tecnolóxicas que cubran as súas necesidades, ten á súa disposición o Servizo de Consultas TIC do CDTIC ao que pode remitir dúbidas ou consultas que vostede ou a súa empresa poidan ter e que estean vinculadas coas TIC.

Pin It on Pinterest

Share This