Concurso fotográfico da Galipedia

Martes, 9 Xullo 2019

A Galipedia lanzou un concurso fotográfico para recopilar imaxes libres para ilustrar os artigos das parroquias galegas.


Imaxe 01

Wiki Loves Parroquias

Con este nome chamativo e coa intención de que todas as parroquias de Galicia teñan polo menos unha imaxe en Wikimedia Commons, para poder utilizar estas fotos nos artigos das parroquias na enciclopedia libre da Galipedia, convocan este concurso fotográfico de lugares da nosa xeografía.

Cando empezou o concurso inda quedaban 700 artigos de parroquias sen imaxe. 


Imaxe 02

As imaxes que se procuran son de tódolos tipos: castros, petróglifos, torres, igrexas, mosteiros, pazos, ríos, regatos, lagoas, fontes, serras, montes, outeiros, fragas, carballeiras, árbores senlleiras, festas, romarías, feiras…, todos os elementos agochados, ou non, das nosas parroquias son de interese para os seus artigos.

Os únicos requisitos son: que non haxa fotos no artigo en cuestión ao comezo do concurso, que as fotos se suban a Wikimedia Commons cunha licenza libre, que se amose unha imaxe que se poida identificar que é da parroquia, e que se propoña na listaxe de fotos participantes.

O prazo de presentación das fotos comeza o 1 de xullo e remata o 31 de outubro. Durante o mes de novembro escolleranse as fotos gañadoras.

Premios

Os premios son: 300 euros para a mellor foto, 200 para a segunda e 100 para a terceira, e a maiores, hai un sorteo de camisetas da Galipedia entre tódolos participantes.


Imaxe 03

Bases do concurso

Para participar haberá que ter unha conta de usuario cun enderezo de correo electrónico activo e permitindo o envío de mensaxes por outros usuarios (requisito imprescindible para posibles comunicacións cos participantes, non ter activada a dirección de correo electrónico provocará que as imaxes do usuario non participen no concurso).
As imaxes deben ter unha licenza libre compatible coa da Galipedia, é dicir, debe permitir o uso comercial e as obras derivadas.
As fotos deben ser de autoría propia, se algún participante sube fotos que non son da súa autoría será descualificado automaticamente.
As fotos deben de ser dunha parroquia que non teña ningunha imaxe no seu artigo no momento de comezar o concurso.
As imaxes deben poder identificarse de forma clara que pertencen á parroquia que se indique. En caso de que non se poida identificar de forma clara que a imaxe pertence á parroquia, a foto non será aceptada no concurso. Para identificar unha imaxe poden proporcionarse as coordenadas GPS, comparación con imaxes semellantes con dereitos de autor e que estean identificadas de forma axeitada, ou outros medios que estean dispoñibles a través de Internet.
As imaxes deberán subirse a Wikimedia Commons. Non poderán participar fotos subidas localmente na Galipedia.
As imaxes poden realizarse en calquera momento da duración do concurso e incluso poden ser imaxes realizadas con anterioridade, sempre e cando non estean xa subidas a Wikimedia Commons.
Os usuarios que queiran participar terán que engadir a foto á páxina do concurso. Nesa páxina atópanse as instrucións para presentar cada unha das fotos. Poderán pedir axuda para todo o que precisen na propia páxina de conversa ou no enderezo electrónico wikilovesparroquias@gmail.com. Se algún participante non é capaz de subir as súas fotos a Commons ou engadilas na páxina do concurso, pode poñerse en contacto cos organizadores e eles axudaranlle a resolver as dúbidas que teña (pode consultarse o apartado Wikipedia:Wiki_Loves_Parroquias#Coordinación para máis información sobre este punto).
As fotos que non se engadan na páxina do concurso, Wikipedia:Wiki Loves Parroquias/Imaxes propostas, antes da data de fin de recepción de imaxes, non poderán participar.
Os participantes poden presentar tódalas imaxes que queiran, pero só se asignará un premio por participante, sempre o de maior contía.
Poden presentarse varias imaxes do mesmo lugar se antes de comezar o concurso aínda non había ningunha foto no artigo asociado.
As imaxes deberán publicarse coa maior calidade e resolución posible. Esíxese un mínimo de 2 Mpx (tamaño orientativo de 2 Mpx: 1920×1080), as fotos con menor resolución non participarán no concurso.
As imaxes non deben contar con firma, data, marco ou outras marcas superpostas á imaxe (a atribución garántese a través da páxina de descrición da foto en Wikimedia Commons). As fotos que non cumpran isto non participarán no concurso.
Os autores non poden votar polas súas propias fotos, si poden votar polo resto de imaxes propostas.

Máis información

Podemos consultar tódolos detalles en:
https://gl.wikipedia.org/wiki/Wikipedia:Wiki_Loves_Parroquias

Nesta páxina tamén podemos acceder ás listaxes de artigos de parroquias que están pendentes de ilustrar, todas elas nas provincias de Lugo e Ourense xa que as provincias de Coruña e Pontevedra xa teñen todas algunha imaxe. Nesa páxina están dispoñíbeis tamén as ligazóns ás listas de parroquias sen foto coas súas coordenadas para facilitar a súa localización.

Autoría das imaxes

Imaxe da portada e 03
Wiki Loves Parroquias.svg by Elisardojm CC BY-SA 4.0

Imaxe 01
Wiki Loves Parroquias póster 2019.png by :
Wikipedia-logo-v2-gl.svg by Wikimedia Foundation file:Wiki Loves Parroquias.svg by Elisardojm file:O Belelle no Roxal.JPG by gl:user:PepedoCouto File:Xigante do Monte Pindo.jpg by Noel Feans file:3639-Cruceiro de Barizo en Malpica.jpg by https://www.flickr.com/photos/jlcernadas/12592536325/ Derivative work by Elisardojm – file:Wikipedia-logo-v2-gl.svg file:Wiki Loves Parroquias.svg file:O Belelle no Roxal.JPG File:Xigante do Monte Pindo.jpg file:3639-Cruceiro de Barizo en Malpica.jpg
CC BY-SA 4.0

Imaxe 02
Fotos parroquias Ourense.svg by Bene Riobó
CC BY-SA 2.0
https://gl.wikipedia.org/wiki/Wikipedia:Wiki_Loves_Parroquias#/media/Ficheiro:Fotos_parroquias_Ourense.svg

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal