Como se desenvolve o formato de documento aberto (ODF)?

Martes, 21 Marzo 2023
Como se desenvolve o formato de documento aberto (ODF)?

Entrevista a Regina Henschel, publicada no blog da The Document Foundation.

Regina Henschel é membro da comunidade LibreOffice e traballou en ODF, o formato de arquivo nativo da suite.

ODF e outros estándares abertos son moi importantes, sobre todo para o almacenamento de datos a longo prazo. De feito, o goberno do Reino Unido recomenda o uso de ODF e ten directrices para o seu uso en organizacións e empresas.

Coñecendo ODF

Open Document Format é o formato de arquivo nativo de LibreOffice. A extensión .odt, .ods, .odp ou .odg, trátase dun documento aberto de texto, folla de cálculo ou presentación ou gráfico, respectivamente. ODF foi desenvolto por OASIS, presentado a ISO (a Organización Internacional de Normalización) e adoptado como norma.

– Como deciden que novas funcións engadir?

A característica ten que estar ben definida, e iso depende un pouco do boa que sexa a proposta que recibes. Hai algunhas suxerencias como: “Queremos unha función para as transformacións de Fourier”, pero nada máis! E entón dicimos: mentres non haxa unha implementación que o manexe activamente, pospoñerémolo para máis adiante. Non merece a pena que un organismo de normalización se ocupe dunha proposta como esta, se non hai aplicacións que estean realmente interesadas nela.

ODF existe como un estándar “estrito”, para as características que están totalmente estandarizadas, e logo hai un “modo estendido” no que se poden probar novas características nas aplicacións. Entón outros poden dicir: “Si, queremos facer algo parecido, pero sería mellor para nós se non o chamásemos X, senón E no seu lugar”. Ou: “Necesitamos un atributo adicional para que nos funcione”, por exemplo. En situacións así, as propostas discútense.

Por exemplo, en LibreOffice, agora é posible especificar o tamaño dos gráficos, independentemente das súas etiquetas. No antigo estándar, só se podía establecer o tamaño incluíndo a etiqueta. Isto significa que cando os datos cambiaban e a etiqueta cambiaba, o efecto era que o tamaño do gráfico cambiaba. Isto corrixiuse en ODF 1.3.

Tamén hai correccións de erros, onde hai cousas que son simplemente erróneas, ou que non son o suficientemente claras para a súa implementación.

– Poden axudar os usuarios normais?

Si, podes ser unha “persoa normal”, por así dicilo, sen formar parte de ningún comité: podes enviar algo ao Comité Técnico. Hai unha lista de correo, e tamén unha páxina de inicio, onde pode informarse sobre o traballo do comité. Alí tamén atopará unha ligazón á lista de correo, pero ten que rexistrarse para evitar o spam. As mensaxes desta lista son lidos e respondidos polo Comité.

A segunda forma de participar é cando o Comité está a piques de elaborar unha nova versión de ODF. Nese momento someterase a votación e haberá un prazo oficial para enviar comentarios. Alí as normas son un pouco máis estritas; isto non é voluntario, senón que o Comité ten que traballar realmente sobre estes comentarios. Deste xeito obterase unha resposta cualificada.

O seguinte paso no que ten lugar a participación oficial é na ISO. Teñen de novo o mesmo proceso de divulgación, no que se recollen os comentarios correspondentes. Entón o Comité Técnico recibe unha longa lista: “Recibimos estes comentarios, por favor discútanos”. Así que se trata dun proceso moi aberto. Esa é unha das razóns polas que decidín unirme ao Comité. Non é que algo ocorra en segredo e de súpeto haxa unha norma, senón que o proceso é totalmente comprensible.

Outra cousa que poden ver os interesados son os arquivos das listas de correo, e tamén hai teleconferencias semanais.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal