Logo da asociación MelisaMañá, martes 27 de xaneiro, a Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide (Melisa) pon en marcha a súa 3ª edición dos "Obradoiros Tecnolóxicos en Centros Penitenciarios de Galicia", co Obradoiro de montaxe, reparación e configuración de ordenadores con software libre no Centro de Teixeiro.

Un total de 15 internos pertencentes ao módulo de respecto do centro de Teixeiro serán os destinatarios deste obradoiro, no que se utilizarán oito ordenadores que foron doados, xunto con diferente material informático para poder realizar reparacións se é preciso, polo colectivo de usuarios de software libre con sede en Melide.

Os participantes neste taller poderán aprender a montar un ordenador persoal identificando os diferentes compoñentes do mesmo; detectar as avarías máis comúns, e realizar labores de mantemento dos mesmos. Finalmente, serán capaces de instalar e configurar un sistema operativo GNU/Linux, co propósito de que estes equipos poidan formar parte dunha nova aula de informática no módulo de respecto.

Plan de Software Libre, programa de voluntariado dixital, e Melisa

Este proxecto formativo vense desenvolvendo dende o ano 2013 nos centros penitenciarios galegos, co obxectivo de favorecer a inserción laboral da poboación reclusa galega a través das TIC, e particularmente a través do uso do Software Libre. Nestes dous anos, un total de 83 internos dos cinco centros penitenciarios galegos, e os dous CIS, da Coruña e de Vigo, participaron dos obradoiros formativos, axudando así á súa inserción no mercado laboral a través da formación en diferentes áreas TIC.

Esta terceira edición dos «Obradoiros Tecnolóxicos en Centros Penitenciarios de Galicia», que comeza os seu percorrido mañá en Teixeiro, terá continuidade ata o mes de outubro para chegar novamente aos sete centros penitenciarios galegos.

Os voluntarios de Melisa encargados de impartir estes talleres serán Rafael Rodríguez, Jorge Lama e Salvador Tabarés, os cales xa contan con experiencia neste tipo de talleres, tanto no centro de Teixeiro coma no resto de centros penitenciarios da nosa comunidade autónoma.

Este proxecto formativo desenvólvese grazas á colaboración da Asociación Melisa co Programa de Voluntariado Dixital da Xunta de Galicia, e forma parte das actividades que esta asociación realizará ao abeiro do próximo convenio de colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) no marco do Plan de Acción de Software Libre da Xunta de Galicia.

Pin It on Pinterest

Share This