Chega a versión estable 1.0 de Flatpak

Xoves, 6 Setembro 2018

Se falamos de GNU/Linux e de xeitos de como instalar aplicacións, tradicionalmente faciamos a pregunta: En que distribución?
Isto viña dado porque cada distribución ou cada familia de distribucións tiña o seu propio xestor de paquetes.
Na familia Debian, como Ubuntu, Linux Mint, etc temos os paquetes deb que funcionan co xestor APT; na familia Red Hat, como Fedora, Suse, CentOS, etc temos os rpm; na familia Arch Linux, como Manjaro, Antergos, Parabola, etc temos os paquetes pkg manexados mediante pacman.
Estes métodos de instalación integran a aplicación a instalar co propio sistema, isto ten vantaxes e inconvenientes. Unha das vantaxes é que se reutilizan bibliotecas de código compartida, pero isto tamén pode ser un problema, xa que de esta forma non se poden executar as aplicacións de xeito illado e unha vulnerabilidade nunha delas pode afectar a outras ou incluso ao sistema enteiro.

Empregando Flatpak, pódense evitar estes problemas, pois cada aplicación instalada vía Flatpak está illada do resto mediante técnicas de virtualización, ademais de que a aplicación se distribúe de forma idéntica independentemente da distribución coa que se queira empregar.

Despois de dous anos dende a primeira versión, Flatpak alcanza a versión estable 1.0 que ven cargada de novidades como nos anuncian dende a súa páxina web.
A lista completa de novidades está dispoñible no seu repositorio de GitHub, entre elas destacamos a mellora na rapidez das instalacións e actualizacións, a posibilidade da emisión dun aviso aos usuarios cando unha aplicación estea atinxindo o fin da súa vida e a petición de autorización de permisos ás aplicacións á hora de instalar estas.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal