Catálogo de Produtos e Servizos TIC baseados en software libre

Luns, 14 Marzo 2011

Portada do catálogo de produtos e servizos flossA pasada semana, coincidindo coa presentación do plan de acción FLOSS para o ano 2011, a SXMIT e AGASOL fixeron público o Catálogo de Produtos e Servizos TIC baseados en software libre co obxectivo de achegarlle ao sector empresarial de Galicia unha ferramenta de gran utilidade tanto para coñecer que produtos e servizos de software libre son os que mellor poden resolver as súas necesidades tecnolóxicas concretas, como que empresas galegas teñen a capacitación e experiencia suficientes para levar a cabo a súa implantación.

Deste xeito, o Catálogo non só achega unha simplificación da sempre complexa tarefa de investigación sobre solucións tecnolóxicas, senón que tamén fornece unha canle para fortalecer os lazos entre as empresas TIC galegas e o resto do noso tecido empresarial.
Logo dunha breve introdución o catálogo presenta un apartado de situacións, no que a través dunha serie de preguntas e respostas breves explícase que alternativas existen baseadas en software libre para as necesidades TIC habituais no eido empresarial. Isto pretende contribuír a reducir o oco entre o coñecemento que o empresariado galego ten sobre este tipo de solucións fronte ás solucións do software privativo.

Unha vez expostas as solucións libres aos tipos de necesidades das pemes, faise unha presentación das 27 empresas integrantes de AGASOL para as que ademais dos datos básicos de contacto, descríbense as súas principais liñas de negocio así como as solucións nas que son especialistas.

A continuación recóllese o catálogo de produtos e servizos que ofrecen as empresas do capítulo anterior. A información proporcionada inclúe a descrición funcional do produto ou servizo, o sector ou sectores aos que vai dirixido, a que categoría de solución pertence, a licenza do mesmo e as empresas que ofrecen servizos sobre el.

Para axilizar a busca de solucións e empresas inclúese para rematar unha táboa cruzada de empresas e categorías na que se amosa dun xeito moi visual as distintas empresas e as categorías de produtos e servizos que ofrecen, así como un mapa xeográfico no que localizan as empresas de AGASOL de forma que o lector poida coñecer que empresas ten próximas para a resolución de problemas con software libre.

O catálogo está dispoñible para a súa descarga ou consulta tanto nos portais imit e mancomún como no propio portal de AGASOL.

Fomentar o coñecemento do Floss nas pemes

O presente catálogo de produtos e servizos FLOSS foi realizado por AGASOL ao abeiro do Convenio de colaboración asinado coa SXMIT da Xunta de Galicia dentro das liñas de actuación do Plan de acción 2010 para fomentar o uso do software libre entre sector empresarial, liña que se mantén para o presente ano.

Se o uso das TIC é de por si unha excelente ferramenta para aumentar a eficiencia e innovación das empresas, as tecnoloxías FLOSS achegan numerosas vantaxes adicionais, xa que facilitan, en maior medida, o aliñamento da oferta do sector TIC galego coa demanda do tecido empresarial, a xeración de emprego cualificado nas empresas TIC galegas,… así como a xeración dun tecido TIC fundamentado no coñecemento, máis internacionalizable e internacionalizado. Á súa vez, as tecnoloxías FLOSS están demostrando ser unha excelente opción para os novos emprendedores e un importante elemento de diferenciación para as empresas xa establecidas.

En liña con esta situación, dende a SXMIT vanse promover unha serie de accións para favorecer e dinamizar o uso das TIC FLOSS no sector empresarial. Ao longo de 2011 a Xunta contará co Centro Demostrador TIC para pemes, que porá a disposición das pequenas e medianas empresas unha carteira de servizos con solucións tecnolóxicas baseadas en software libre.

Potenciarase o servizo integral para a peme galega para que poidan dispoñer, desde a Xunta, dun punto de referencia onde coñecer solucións baseadas software libre, para o que se actualizará o directorio de empresas galegas que ofrecen servizos relacionados co software libre para que calquera empresa ou a propia administración, poidan contactar con empresas que ofrezan solucións FLOSS. Así mesmo , a Oficina de Coordinación FLOSS da Xunta de Galicia en estreita colaboración co sector TIC FLOSS, establecerá un servizo de asistencia para as pemes ofrecendo asesoramento de primeiro nivel sobre solucións baseadas en FLOSS, e respondendo ás dúbidas e consultas máis habituais sobre as posibilidades do FLOSS no mundo da empresa en base ao Catálogo de Solucións FLOSS. Nesta liña de achegar coñecemento sobre distintas solucións libres para as necesidades do empresariado galego, abordaranse novos estudos comparativos de software empresarial como o recentemente publicado sobre comercio electrónico.

Estas e moitas outras accións previstas para o ano 2011 pódense consultar en detalle no Plan de Acción FLOSS 2011 da Xunta de Galicia.

Balance do Plan de Acción 2023

1 Decembro 2021 Informe

Plan de Software Libre 2024

1 Decembro 2021 Informe

#IA #PlanDeAccion #EntrevistasComunidade

Tendencias
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal