Canonical, creadora de Ubuntu, e Magneti Marelli, líder na tecnoloxía do automóbil conectado, estarán presentes na LibreCon 2015

Venres, 25 Setembro 2015
  • A LibreCon 2015, o maior evento de tecnoloxías abertas e negocio terá lugar en Santiago de Compostela os días 29 e 30 de outubro
  • Agasol, Asolif e o Clúster TIC Galicia son os organizadores da LibreCon 2015
  • A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) , a Axencia Galega de Innovación (GAIN), o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e o Concello de Santiago de Compostela, ademais da operadora R colaboran coa organización deste importante encontro

Banner da LibreCon 2015

Roberto Zompi, un dos grandes expertos na aplicación de software de código aberto no automóbil conectado, e Victor Tuson Palau, que é vicepresidente de Canonical, a empresa creadora do sistema operativo Ubuntu, participarán como relatores en LibreCon 2015.

Roberto Zompi é xerente de Enxeñaría Avanzada na multinacional de compoñentes e sistemas de alta tecnoloxía para o automóbil Magneti Marelli, pertencente ao Grupo Fiat Chrysler, histórico propietario de marcas do prestixio de Ferrari, Lancia, Alfa Romeo e Maserati. É tamén vicepresidente de Genivi Alliance, un consorcio que promove a aplicación de software de código aberto na automoción.

Victor Tuson Palau é viceperesidente de Canonical, a empresa que está detras do sistema operativo Ubuntu, e é o responsable dos proxectos para a aplicación deste sistema operativo de código aberto aos dispositivos móbiles.

Ambos os dous expertos participarán nas sesións plenarias da quinta edición de LibreCon, para a que se estima unha participación de 1.500 profesionais e unhas 600 empresas.
Agasol, Asolif e Clúster TIC Galicia son os organizadores deste evento de auténtica referencia para os axentes que traballan no eido do software libre e as open technologies que se celebrará en Compostela os días 29 e 30 de outubro.

Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC Galicia e director de Desenvolvemento de Negocio de R, sinalou: "A participación de Roberto Zompi en LibreCon 2015 garante un debate do máximo nivel nun eido de tanta relevancia económica como é a aplicación das tecnoloxías abertas ao sector do Automóbil".

Pola súa banda, Xavier Castaño, presidente de Agasol, manifestou a súa satisfacción por poder confirmar a participación de tecnólogos do prestixio de Victor Tuson Palau e Roberto Zompi. "En datas próximas esperamos poder confirmar máis relatores que completarán un panel de auténtico luxo, de xeito que o encontro será unha oportunidade única para coñecer casos de éxito, inspirarse nos consellos dos expertos e facer networking", asegurou. Castaño engadiu que a inscrición de participantes avanza a bo ritmo e animou a todos os interesados a visitar a web para conseguir as súas entradas.

Eixos temáticos e apoio institucional

A Electrónica de Consumo, o sector do Automóbil (sistemas de entretemento e automóbil conectado), o Internet das Cousas e a Nova Educación serán os eixos temáticos de LibreCon 2015. Ademais, reservarase un espazo para o eCommerce e darase especial protagonismo á comunicación de casos de éxito.

LibreCon 2015 conta co apoio da operadora R e co respaldo da Axencia Galega de Innovación (GAIN), o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e o Concello de Santiago de Compostela. Colabora tamén a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).

O software libre como xerador de negocio e emprego

LibreCon 2015 recolle o testigo das catro edicións anteriores de LibreCon e Libre Software World Conference, plantexando un evento que ten como principal obxectivo a creación de negocio e emprego en todos os sectores da sociedad a través das tecnoloxías libres, a innovación e o emprendemento.

Con este obxectivo sempre en mente LibreCon 2015 quere demostrar, ademáis, os beneficios dun sector que está sobrevivindo con éxito á situación xeral de crisis. As tecnoloxías abertas en xeral e o software libre en particular constitúen unha alternativa real que ofrece a empresas e administracións públicas de todo o mundo unha maior competitividade, grandes aforros e desenvolvemento de economías locais.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal