O obradoiro terá lugar no museo Domus da Coruña o Sábado 6 de outubro ás 10:30, será impartido por Rubén Espino, compoñente dun equipo participante na liga de robótica competitiva, e organizada por Bricolabs, que como nos contan na súa páxina esta é unha das actividades previas ao día da OSHWDem e ao abeiro do convenio da Amtega coas asociacións de software libre.

Neste obradoiro as persoas asistentes construirán un Cyclops, un robot velocista sigueliñas de fontes abertas dispoñibles en GitHub, para poder construír o robot os integrantes deberán contar cos compoñentes deste, o propio poñente organizará unha compra conxunta do material necesario para poder conseguilo a un prezo mellor. Os asistentes a este obradoiro tamén necesitarán levar un portátil coa IDE de Arduino instalada e é recomendable ter unha mínima experiencia na robótica e na soldadura.

O número de prazas dispoñibles para o obradoiro son 16, pero cada inscrición pode contar con unha persoa de acompañante. A apertura de inscricións realizarase o sábado 25 de agosto ás 16:00 mediante un formulario na páxina web do evento.

Grazas a este obradoiro, todo asistente poderá contar con un robot sigueliñas e participar nas competicións de robots de OSHWDem de este ano.

Pin It on Pinterest

Share This