A OSHWDem non remata na feira tecnolóxica que tivo lugar o sábado 10 de novembro, senón que alén do propio día tamén  teñen lugar varios obradoiros.

  • Introdución á creación de videoxogos con LÖVE
  • Obradoiro de e-téxtiles
  • Obradoiro de construción dun robot mClon

Estes obradoiros están enmarcados nas actividades que organiza Bricolabs arredor da OSHWDem, polo que todos están relacionados co ambiente “maker” e son sobre tecnoloxías libres. Os primeiros  desta quenda serán o sábado 24 de novembro e terán lugar en paralelo.

Por un lado, a charla de introdución á creación de videoxogos con LÖVE de 10:30 a 12:30 no Laboratorio do museo Domus de A Coruña que correrá a cargo de Alejandro Sexto de Code Monsters e na cal ensinará como desenvolver videoxogos en 2D simples mediante o uso do framework libre LÖVE.

Por outro lado, na sala Maker da Domus e integrada tamén no conglomerado de eventos Mobil Week Coruña, terá lugar o obradoiro de e-téxtiles o cal se estenderá dende as 10 horas ata as 20 horas con unha pausa para comer. Con este obradoiro preténdese dar a coñecer os e-téxtiles, que son tecidos que incorporan compoñentes electrónicos para mellorara as súas propiedades ou incluso adquirir novas.

Por último, o obradoiro de construción dun robot mClon terá lugar o sábado día 1 de decembro ás 10:00 na sala Maker da Domus. Neste evento, María Loureiro, Bernardo Álvarez e Miguel Gesteiro ensinarán aos asistentes a construír e programar un robot mClon que é un robot de deseño libre e aberto baseado en Arduino.

Pin It on Pinterest

Share This