O CiTIUS lanza por sétimo ano consecutivo unha nova convocatoria de bolsas de verán, dirixida a estudantes de graos relacionados coas Tecnoloxías Intelixentes

CiTIUS Summer Fellowships 2021

O CiTIUS ofrece 14 axudas dirixidas a estudantes de grao que desexen ter a súa primeira experiencia investigadora no campo das Tecnoloxías Intelixentes. As bolsas teñen como obxectivo o financiamento de estadías de investigación no CiTIUS durante o próximo mes de xullo. Durante a estadía, as persoas beneficiarias desenvolverán un proxecto de investigación dirixido por persoal investigador ao centro, encadrado nas liñas dos Programas Científicos do CiTIUS.

O obxectivo é que os estudantes teñan un primeiro contacto coa investigación en áreas como Big Data, Visión artificial, Robótica, Sensórica, Tecnoloxías da Linguaxe, Computación de Altas Prestacións, Intelixencia Artificial, Nanotecnoloxía ou e-Saúde.

As bolsas están dotadas con 750 € brutos máis unha axuda para alumnos/as non residentes en Santiago de Compostela destinada ao financiamento dos gastos de transporte, cun importe máximo de 200 € para estudantes de fóra de Galicia e até 80 € para estudantes residentes noutros concellos de Galicia.

Requisitos

Os aspirantes deberán superar o 55% dos créditos dos seus estudos de grao en Informática, Telecomunicación, Matemáticas, Física ou disciplinas afíns, cunha nota media igual ou superior a 8,0.

Solicitudes

Os interesados deberán remitir a documentación requirida a través da Sede Electrónica da Universidade de Santiago de Compostela, usando o formulario de solicitude dispoñible neste enderezo dirixida ao Servizo de Convocatorias e Recursos Humanos de I+D, antes do 21 de maio ás 23:59 h (CEST).

Máis información

Pin It on Pinterest

Share This