Os vindeiros 5 e 6 de xuño, celebrarase en Madrid a segunda edición do Congreso esLibre, desta volta esLibre 2020, na Universidade Rey Juan Carlos, grazas á colaboración da Oficina de Conocimiento y Cultura Libres (OfiLibre de la URJC).

Coa intención de colaborar ao éxito deste congreso, xurdido na canle de «Hispalinustálǵicos» en Telegram e promovido dende a canle de libre acceso @esLibre (https://t.me/esLibre), en GALPon crearon unha bolsa para axudar a financiar a viaxe para asistir ao congreso.

Inicialmente destinan un máximo de 600,00 € para financiar un mínimo de 3 viaxes ao congreso.

Calquera persoa pode solicitar esta axuda, pero ante a posibilidade de que existan máis solicitudes que cartos dispoñíbeis, dende GALPon decidiron ter en conta algunhas características das persoas solicitantes, para conceder estas axudas considerando elementos favorábeis non excluíntes, que a persoa solicitante da bolsa:

– Presente un relatorio, organice (ou colabore na organización) unha sala, presente un obradoiro ou algunha outra proposta de achega/colaboración.

– Sexa estudante de FP ou universitario.

– Estea a realizar prácticas de mestrado ou FP ou sexa bolseiro nunha empresa privada(non universidades ou asimilábeis).

– Sexa socia ou colaboradora de GALPon.

– No caso de igualdade de méritos para recibir a axuda terán preferencia as mulleres.

Para facer a solicitude, quen o desexe deberá enviar un correo a «xornadas galpon» aportando toda a información que consideren necesaria para acreditar o seu mérito.

Máis información na web de GALPon

Pin It on Pinterest

Share This