Outro éxito máis na reutilización de sotware libre no eido público europeo

A aplicación belga de rastrexo do COVID-19, chamada Coronalert, está baseada na alemá Corona Warn App e para o seu desenvolvemento reutilizouse o código da mesma, aforrando así o 85% do esforzo de desenvolvemento.

Esta reutilización foi posible grazas a que a aplicación que comezaron a desenvolver por parte da administración xermana estaba liberada baixo os termos dunha licenza libre, neste caso a Apache 2.0. Ao ser esta software libre, permitiu ao equipo de desenvolvemento belga realizar unha bifurcación do proxecto para tirar proveito  do código que lles resultara útil, cambiar e adaptar este para as necesidades do seu proxecto.

Grazas a esta posibilidade o proxecto non arrancou de cero e permitiu liberar a primeira versión de Coronalert en só 6 meses e supoñendo un aforro importante no investimento para levar adiante a aplicación. Segundo as fontes consultadas o investimento neste proxecto por parte de Bélxica foi de un millón de euros, mentres que o de Alemaña foi de 20 millóns.

O proxecto belga é así, un recordatorio do potencial que pode ter o software libre de cara á realización de proxectos TIC por parte das administracións, proporcionando transparencia, aforro, eficiencia e independencia tecnolóxica ao mesmos.

Repositorio de Coronalert: https://github.com/covid-be-app/cwa-app-android
Fonte da nova: Joinup
Fonte da imaxe: Web deCoronalert

Pin It on Pinterest

Share This