Promoverán a difusión e o fomento do software e hardware libre a través de encontros, charlas, obradoiros e publicación. Ao abeiro deste acordo Galicia acolleu o 24 e 25 de xuño o congreso de referencia en software libre a nivel nacional, o congreso esLibre que tivo lugar en Vigo. Todas estas accións están enmarcadas no Plan de Software Libre que vén realizando a Axencia autonómica con periodicidade anual.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) apoia un ano máis ás asociacións galegas que promocionan e fomentan o emprego de software e hardware libre, a través dun convenio de colaboración. As actuacións deste ano abranguen desde actividades de difusión con charlas, obradoiros, organización de eventos ou colaboracións con outro tipo de asociacións ata a publicación de recursos educativos ou catálogos patrimoniais e culturais.

Dentro do mundo do hardware libre, cada vez máis presente na nosa sociedade, organizaranse obradoiros de electrónica especialmente dirixidos ás xeracións máis novas, e tamén ás súas nais e pais, para que poidan compartir tempo argallando sobre estas novas tecnoloxías. Os movementos maker tamén estarán moi presentes, con proxectos sobre o Internet das Cousas (IoT) ou solucións de domótica con hardware e software libre que poden ser replicadas de xeito sinxelo.

Este ano, ao abeiro deste convenio, celebrarase en Galicia, na cidade de Vigo os días 24 e 25 de xuño, o congreso esLibre, un dos encontros nacionais de software libre máis relevante nestes momentos que traerá á comunidade a empresas e persoas dende diversos puntos da xeografía española. Ademais, ofrécese unha bolsa de viaxe que permite financiar o desprazamento a persoas de diferentes colectivos, co fin de fomentar a diversidade na participación do mesmo.

Asociacións galegas de software libre

En Galicia existe un importante núcleo de asociacións que teñen por obxectivo a difusión, promoción e fomento do uso do software e tamén o hardware libre. Son coñecidas como as AGUSL (Asociacións Galegas de Usuarios de Software Libre) aínda que hoxe en día evolucionaron e temos en Galicia un ecosistema moi rico con asociacións que tamén se dedican á difusión do hardware libre, con iniciativas baseadas na robótica, a impresión 3D ou ao Internet das cousas (IoT). Estas asociacións, formadas por persoas voluntarias, tenta facer chegar as vantaxes e o espírito de colaboración do software libre a través de diferentes actividades.

Impulso das accións

A Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia vén colaborando con esteo ecosistema cun convenio de colaboración de carácter anual, este ano cun importe de 30.000 euros en total, que lles permite realizar actividades con maior impacto, mentres que a Xunta de Galicia reforza así o seu compromiso de difusión do software libre entre a cidadanía, un dos eixos principais do Plan Anual de Software Libre. O carácter local destas asociacións permite que se fagan actividades de difusión en diversos puntos da xeografía galega, adaptadas ás diferentes realidades e necesidades, facilitando que máis persoas poidan participar das mesmas.

Máis información

Pin It on Pinterest

Share This