• Os exames presenciais celebraranse os días 15, 16 e 17 de novembro nas aulas CeMIT de 43 concellos de toda Galicia
  • Estas probas están orientadas a aquelas persoas que xa posúen os coñecementos necesarios ou que optan pola modalidade autoformativa
  • Este certificado, que emite a Amtega, acredita os coñecementos en materia ofimática da persoa titular ante calquera instancia pública ou privada

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) convoca máis de 600 prazas de carácter libre para a avaliación para a obtención da certificación galega en competencias dixitais en ofimática (CODIX). Esta convocatoria, publicada o luns 3 no Diario Oficial de Galicia, está aberta a toda a cidadanía en xeral que, ben pola súa experiencia ou pola súa formación adquirida por diferentes medios xa posúen os coñecementos necesarios das aplicacións informáticas que compoñen o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» baixo o paquete de LibreOffice.

As probas celebraranse os días 15, 16 e 17 de novembro en diversas quendas de mañá e tarde nas aulas CeMIT dos seguintes 43 concellos, que suman un total de 648 prazas dispoñibles: Abegondo; Ames; Arzúa; Betanzos; Boiro; Brión; Coruña, A; Fisterra; Oroso; Ortigueira; Pontedeume; Pontes, As; Porto do Son; Ribeira; Sada; Santa Comba; Santiago de C.; Vimianzo; Barreiros; Burela; Carballedo; Fonsagrada, A; Lugo; Ribadeo; Sarria; Vicedo, O; Bande; Barco, O; Celanova; Leiro; Ourense; Xunqueira Ambía; Cañiza, A; Cuntis; Estrada, A; Lalín; Marín; Pontevedra; Porriño, O; Tomiño; Valga; Vigo e Vilagarcía Arousa. A calendarización detallada das probas pode consultarse no anuncio do DOG.

A inscrición poderá realizarse ben a través de internet desde o día seguinte o da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia ou presencialmente na aula de interese, sendo o único requisito o de ser usuario/a da rede CeMIT, trámite que tamén pode realizarse a través da rede.

Entre as persoas inscritas realizarase un sorteo alfabético para establecer a orde de prelación para poder efectuar a matrícula para as probas en cada quenda, no caso de que existan máis solicitantes que prazas convocadas nas diferentes aulas que realizarán as probas presenciais.

Avaliación

Para obter o CODIX é preciso superar un exame de 50 preguntas tipo test referidas aos contidos do Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:

  • Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico
  • Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base
  • Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress
  • Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer.
  • Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc

Os materiais formativos que compoñen estes cursos foron elaborados seguindo as boas prácticas recollidas na Guía de boas para a publicación de obras documentais da Xunta de Galicia e poden ser seguidos libremente na súa modalidade de autoformación dentro da plataforma de teleformación da rede CeMIT , na que se poden consultar tanto os contidos específicos dos diversos módulos que compoñen o CODIX como diversos casos prácticos e test de exemplo. Así mesmo están tamén dispoñibles para a súa consulta e reutilización no Repositorio documental de Software Libre.

Preto de 1.500 prazas convocadas neste ano 2017

Esta convocatoria forma parte do Plan de Formación da rede CeMIT para este ano 2017, que terá a súa continuación no vindeiro ano con novas convocatorias de dous cursos de teleformación titorizada con exame final e dúas convocatorias de probas presenciais na modalidade autoformativa.

Dende a habilitación da rede CeMIT para a formación e avaliación dos contidos formativos do CODIX en maio de 2014, foron máis de 4.500 as prazas convocadas nas súas diferentes modalidades (1.570 en cursos de teleformación titorizada e 3.104 en probas presenciais de acceso libre) e máis de 2.100 as persoas que obtiveron a certificación emitida por parte da Amtega despois de superar as probas presenciais realizadas nas aulas da rede CeMIT.

A estes datos hai que engadir as mais de 300 actividades e cursos en ofimática en software libre que veñen realizando as diferentes aulas de forma presencial durante o último ano como preparación orientada á presentación para estas probas libres, así como os 2.500 accesos aos contidos específicos do CODIX aloxados na plataforma de teleformación a través de internet (http://cemit.xunta.es/ema) e abertos para ser consultados en calquera momento.

Pin It on Pinterest

Share This